Mella e a Sub-19 debutan con vitoria no Europeo
Mella e a Sub-19 debutan con vitoria no Europeo
A selección española venceu a Dinamarca (2-1) nun partido moi igualado
O xogador do R. C. Deportivo disputou 67 minutos do encontro
Rematada a Eurocopa, é a quenda da selección Sub-19. O conxunto de José Lana impúxose a unha Dinamarca combativa que vendeu caro o pelello. España comezou o encontro con boas ocasións. Aos tres minutos, un disparo de Assane Diao era despexado polo meta Andresen. O rexeite recolleuno Daniel Rodríguez, pero non soubo atinar e enviou o balón por riba da portería dinamarquesa.
Os escandinavos reaccionaron cun tiro raso que atallou sen problema o meta Raúl Jiménez. O combinado nacional volvía á carga e cun remate de cabeza de Chema Andrés poñíase por diante. Ao bordo do descanso, Dinamarca reduciu as distancias. Un erro na saída de balón foi aproveitado por Mikel Gogorza para poñer a igualdade no electrónico.
Lana deu entrada a novos xogadores no segundo tempo. O galego David Mella foi substituído no minuto 67, logo de firmar un bo partido. O xogador de Teo actuou na banda dereita, como o fai no Deportivo de Idiakez. Unha novidade, pois nos partidos de preparación xogou como extremo esquerdo.
Finalmente, Iker Bravo conseguía cun remate baixo darlle a vitoria a España, que suma os seus primeiros puntos no campionato. Mañá, Mella e a selección enfrontaranse a Turquía na procura das semifinais.