Feijóo di que o partido "necesita cambios" e que "todos teñen que tomar decisións"
Feijóo di que o partido "necesita cambios" e que "todos teñen que tomar decisións"
O presidente do PP de Galicia confirmou que irá á reunión que convocou Casado cos líderes autonómicos "co obxectivo de buscar mecanismos para desbloquear o partido"
O presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, confirmou este martes que mañá irá á reunión que convocou Pablo Casado cos líderes autonómicos do PP "co obxectivo de buscar mecanismos para desbloquear o partido e dar unha mensaxe de tranquilidade e de optimismo para consolidar a alternancia" de goberno en España.
En declaracións aos medios de comunicación en Pontevedra, Feijóo defendeu que hai que darlle voz á xente e coincide con compañeiros do partido en que cómpre facer cambios e incorporar persoas que lideren unha nova etapa no PP.
Para encarar esa nova etapa, explicou o líder dos populares galegos, todos teñen que estar "a altura das súas responsabilidades". E ao preguntarlle por se el dará o paso para presidir o PP, respondeu: "Estou convencido de que tomaremos e tomarei as decisións en función do que observemos no partido e do que o partido lle pida a cada un que faga. Necesitamos un cambio, imos falalo, e unha vez que o teñamos falado os mesmos que piden o cambio teñen que facer unha proposta. Non se trata só de pedir que cambien persoas, se non de presentar alternativas. Pero, nun partido democrático, iso teñen que pedilo os militantes e as persoas que teñen dereito ao voto nese partido".