Publicador de contidos
Publicador de contidos

Feijóo augura un 2025 co Goberno "entre os xulgados e Waterloo" tras un ano "perdido"

Feijóo augura un 2025 co Goberno "entre os xulgados e Waterloo" tras un ano "perdido"

O líder do PP defende coincidir con Junts nas votacións do Congreso sen renunciar ao seu programa electoral e insiste: "Non aceptamos chantaxes"

O presidente do Partido Popular defende a xestión da dina por parte de Mazón e afirma: "Foi o único político que seguiu xestionando no ámbito das súas responsabilidades"

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, durante a súa intervención este venres en Madrid para realizar balance do ano 2024 (EFE/Chema Moya)
G24.gal 27/12/2024 11:16

Goberno e PP fan un balance do ano que remata diametralmente oposto. Para o ministro de Xustiza, Félix Bolaños, "é un balance moi positivo no económico, no social e na cohesión territorial", mentres que para o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, o 2024 foi "un bochorno, unha colección de escándalos sen precendentes".

Os populares poñen o foco nas causas xudiciais que afectan a familia de Pedro Sánchez e o PSOE. Este venres, precisamente, o Congreso citou a José Luis Ábalos para o 13 de xaneiro. Quen foi ministro de Transportes, agora investigado no caso Koldo, pode ese día presentar alegacións polo suplicatorio do Tribunal Supremo.

Os socialistas votarán a favor de levantarlle a inmunidade.  "Se José Luis a fixo, síntoo, que a pague", asegurou nunha entrevista en Onda Cero Óscar Puento, actual ministro de Transportes. Pola súa parte, Félix Bolaños insistiu en que os socialistas non teñen "ningunha preocupación".

Pola contra, o presidente do PP vaiticina que "o 2025 deste goberno discorrerá entre os xulgados, Waterloo e, quizáis, algo de Franco".

Sobre Waterloo, o executivo insiste, Pedro Sánchez reunirase con Carles Puigdemont. Quere conseguir o apoio de Junts para os Presupostos Xerais, que agarda aprobar no primeiro trimestre do 2025.

Pero os cataláns non llo poñen doado ao PSOE. De feito, nas últimas semanas, pactaron varias votacións co PP. Alberto Núñez Feijóo defende a súa estratexia fronte ás críticas do Goberno. "A min non me importa coincidir para baixar impostos aos españois nin para cumprir o meu programa electoral", asegurou na súa comparecencia ante os medios de comunicación.

Félix Bolaños, ministro de Xustiza, pregúntase como os populares poden acordar cos de Junts "se hai catro meses dicían que eran terroristas e que debían estar ilegalizados".

Pero Alberto Núñez Feijóo recalca que o seu partido non acepta "chantaxes" de Junts e que "quen acepta fotografarse cunha persoa que debia deter é o señor Sánchez".

O xefe da oposición compareceu este venres ante os medios para facer balance político do ano 2024, un ano que considera "perdido", no que ve o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "acurralado" polas sospeitas de corrupción no seu partido, da súa contorna e o seu Executivo.

"Non hai antecedentes nin precedentes dun primeiro ministro europeo na situación xudicial e política do presidente do Goberno; ao longo de 2025 o que ocorrerá en España non dependerá do Goberno e o seu presidente, dependerá dos xulgados e Waterloo", recalcou.

Alberto Núñez Feijóo defendeu que o seu partido coincida con Junts en votacións no Congreso e sinalou que sempre "manteñen os seus principios e non aceptan chantaxes".

"Non me importa coincidir para baixar impostos aos españois, nin me importa coincidir para cumprir o meu programa electoral; ao contrario, coincidir para cumprir o programa electoral sen chantaxes, sen ameaza é o que debe de facer alguén que quere optar á presidencia do Goberno", recalcou.

Para o presidente do PP, "quen acepta fotografarse cunha persoa ao que debería de deter é o señor Sánchez", e "dicir que o PP está a facer cousas parecidas ao señor Sánchez honradamente creo que é un insulto á intelixencia dos españois".

Feijóo acusou a Vox de ter ás veces "comportamentos contraditorios e confusos", e insistiu en que o seu partido é a única alternativa ao Goberno de Pedro Sánchez.

Feijóo arroupa a Mazón pola súa xestión á fronte da dina

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, defendeu a xestión da dina do presidente da Generalitat Valenciana e subliñou que non se vai dedicar "a ver os tíckets da comida de ningún dirixente político" do seu partido, en relación ao encontro que tivo o día da catástrofe.

Asegurou que Mazón foi "o único político que seguiu xestionando no ámbito das súas responsabilidades, asumindo unha remodelación no seu Goberno e asumindo e unindo o seu propio futuro á reconstrución" da provincia de Valencia tras a catástrofe do 29 de outubro.

O presidente do PP expresou a súa preocupación polos afectados, indicou que fará todo o posible para que o Goberno de Pedro Sánchez "cumpra coa súa obrigación de reconstrución urxente das poboacións devastadas" e recalcou: "Non os imos esquecer". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade