Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detido un 'youtuber' cun millón de subscritores por fabricar explosivos e subir os titoriais á súa canle

Detido un 'youtuber' cun millón de subscritores por fabricar explosivos e subir os titoriais á súa canle

As gravacións alcanzan máis de 106 millóns de visualizacións

No 2022 foi detido un home por fabricación ilegal de explosivos que seguira os vídeos titoriais publicados polo agora arrestado 

Clip dun dos vídeos publicados (Garda Civil) Clip dun dos vídeos publicados (Garda Civil)
G24.gal 27/12/2024 11:01

A Garda Civil desmantelou en Castro Urdiales (Cantabria) un taller clandestino de fabricación ilegal de mesturas explosivas e incendiarias, coa detención dunha persoa que elaboraba estes compostos e explicaba paso a paso como facelo para publicalo como titoriais na súa canle de YouTube, cun millón de subscritores.

O instituto armado atribuíulle ao detido delitos de fabricación ilegal de explosivos, de risco provocado por detonantes e outros axentes, de risco de incendio en zona forestal e, por último, de desobediencia a axentes da autoridade.

O detido dedicábase á fabricación ilegal de mesturas e artefactos explosivos e incendiarios con precursores e outras substancias químicas, e, ao mesmo tempo, gravaba vídeos titoriais "mostrando paso a paso o proceso da súa elaboración e os efectos destrutivos".

O implicado gravaba vídeos titoriais "mostrando paso a paso o proceso da elaboración e os efectos destrutivos" para publicalo na súa canle de YouTube, que conta con máis dun millón de subscritores, chegando a publicar máis de 60 "nos que non só explicaba detalladamente o proceso de fabricación de mesturas e artefactos explosivos e incendiarios, senón tamén de armas artesanais", como un lanzachamas.

Riscos para a seguridade cidadá

A investigación iniciouse cando os especialistas en tráfico de armas e explosivos do Servizo de Información da Garda Civil detectaron os contidos ilícitos que se estaban publicando nesa canle de YouTube.

"Os contidos supoñían un grave risco para a seguridade cidadá polo perigo de que algunhas dos millóns de persoas que visualizaran os seus titoriais tratasen de fabricar eses mesmos explosivos con fins ilícitos", destacaron.

De feito, a Garda Civil sinala que en 2022, no marco da operación Boxes, xa foi detido en Pontevedra a un home por fabricación ilegal de explosivos, que finalmente foi condenado a un ano e seis meses de prisión e na análise dos dispositivos informáticos que tiña, revelouse que para fabricar os explosivos que lle foron intervidos seguira os vídeos titoriais publicados polo 'youtuber' agora detido.

106 millóns de visualizacións

A Garda Civil destaca que os vídeos publicados na súa canle de YouTube poderían ser utilizados por terceiros para elaborar as súas propias mesturas e artefactos caseiros, "e mesmo por organizacións terroristas ou criminais para perpetrar as súas accións violentas, máxime cando os seus vídeos teñen máis de 106 millóns de visualizacións".

Para a elaboración dun dos últimos vídeos publicados fabricou máis de 30 quilos de mestura incendiaria denominada 'termita', que inmediatamente despois utilizou para destruír totalmente un vehículo nunha leira da súa propiedade, nas proximidades dunha área forestal de alto valor ecolóxico, co evidente risco de incendio que iso supoñía; negando ademais o acceso ás dotacións de bombeiros que acudiron a sufocar o incendio, motivando o inicio dunha investigación paralela por parte do Seprona de Cantabria.

A citada mestura incendiaria 'termita' é extremadamente perigosa, chegando a alcanzar temperatura de máis de 2.500 graos centígrados que son capaces de fundir calquera tipo de metal, polo que é empregada dende aplicacións legais como a soldadura e unión de raís de ferrocarril ata usos ilegais como a apertura de buracos en caixas fortes e cámaras acoirazadas.

Tras a investigación logrouse identificar o autor dos vídeos e localizar o lugar onde tiña instalado o taller clandestino onde fabricaba estas mesturas explosivas e pirotécnicas, e a leira onde gravaba os vídeos.

Substancias comisadas

En total realizáronse dúas entradas e rexistros nestes lugares e interviñéronse máis de 20 quilos de substancias químicas para a fabricación ilegal de explosivos, así como diverso material informático para o seu estudo.

A Garda Civil apunta que, dado o perigo dos produtos químicos intervidos, tiveron que actuar os Técnicos en Desactivación de Explosivos (TEDAX), que se fixeron cargo deles para a súa análise e destrución. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade