Publicador de contidos
Publicador de contidos

Feijóo pide acougo: "Vai haber un congreso e o meu obxectivo é que saia ben"

Feijóo pide acougo: "Vai haber un congreso e o meu obxectivo é que saia ben"

O líder do PPdeG reaparece en público tras a xuntanza de Génova do xoves pasado

Evitou pronunciarse sobre a súa posible candidatura para substituír a Pablo Casado

Alberto Núñez Feijóo este domingo en Ourense
G24.gal 27/02/2022 13:23

O presidente da Xunta e líder do PP galego pediu este domingo "acougo" despois de que o seu nome volvera soar para liderar o partido. Lembrou que primeiro ten que se celebrar o congreso no mes de abril, que se convocará este martes, e o seu obxectivo é que "saia ben".

Alberto Núñez Feijóo reapareceu este domingo en público e con axenda, por primeira vez dende a xuntanza do xoves pasado na sede do PP entre o aínda presidente Pablo Casado e o resto de baróns. No encontro, decidiron a celebración dun congreso extraordinario para elixir a nova dirección do partido.

O mandatario autonómico evitou novamente confirmar se tomou unha decisión respecto á súa posible candidatura e insistiu en que o congreso aínda non está convocado.

Unha enquisa publicada este domingo polo diario ABC conclúe que os votantes do PP prefiren a Feijóo como líder do partido, seguido por Isabel Díaz Ayuso, pero o presidente galego restoulle importancia.

Momento de "moita tensión"

En declaracións realizadas aos medios, agradeceu que o seu nome apareza "nalgún estudo" demoscópico, pero sinalou que non está "en ningunha formulación" sobre nomes, nun momento de "moita tensión".

Na súa opinión, a política é "unha cousa moi seria" e agora os españois "necesitan acougo" cando hai "unha guerra ás portas de Europa". Segundo dixo, "necesitamos reflexión, moito sentido común" e tamén "moita proporcionalidade nas decisións". 

"Vai haber un congreso do PP e o meu obxectivo é que ese congreso saia ben, e que o PP saia reforzado".

Subliñou que a prioridade debe ser construír unha alternativa ao que considera, igual que "moitos españois", que é un "moi mal Goberno".

"Este é o traballo que imos tentar realizar ata o 2 de abril, que é cando finaliza e se vota en Sevilla o congreso do PP", concluíu.

Os contratos da polémica

No que respecta aos contratos coa Comunidade de Madrid dos que supostamente se beneficiou o irmán de Isabel Díaz Ayuso, dixo que se fía das explicacións dadas pola presidenta e polos conselleiros autonómicos en rolda de prensa.

"O Servizo Madrileño de Saúde non é un servizo pequeno que tramita catro ou cinco facturas (...). Hai que deixar que as cousas vaian polo seu leito (...). E se hai algunha dúbida, para iso temos a administración de xustiza no noso país".

Apoio de Ayuso

Pola súa banda, Isabel Díaz Ayuso xa lle adiantou a Feijóo o seu apoio para liderar a vindeira etapa do Partido Popular.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade