Fernández Vila: "Continuaremos coa tramitación dos parques eólicos que agora quedaron fóra"
Fernández Vila: "Continuaremos coa tramitación dos parques eólicos que agora quedaron fóra"
O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais di que tramitarán estes parques e que lles darán permiso de construción cando o Goberno lles dea conexión á rede eléctrica
O Goberno neste momento non dá permiso de conexión aos parques que non estaban tramitados con data de 25 de xaneiro
A Xunta autorizou 77 dos 140 proxectos de parques eólicos presentados
A Xunta autorizou 77 dos 140 proxectos de parques eólicos presentados para instalar en Galicia. Estes 77 proxectos teñen unha declaración de impacto ambiental favorable. Din desde a Xunta que foron os proxectos que lles deu tempo tramitar dados os prazos fixados polo Goberno central. O prazo rematou o pasado 25 de xaneiro.
Coa construción destes parques a Xunta agarda que Galicia duplique a súa capacidade eólica en 2025.
Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, estivo esta mañá na entrevista do informativo 'Bos días' de Televisión de Galicia para falar da tramitación e da polémica xerada polos proxectos eólicos.
A Xunta autorizou 77 dos 140 proxectos de parques eólicos presentados
"Esta situación vén derivada da aprobación dun real decreto lei no ano 2020, que non obedece a una directiva europea, foi unha decisión unilateral do Goberno, do Ministerio de Transición Ecolóxica, que motivou que houbese moitos proxectos de enerxías renovables que pendían dun fío, porque podían perder o acceso á conexión nunhas determinadas datas; o groso dos proxectos tiñan como data límite o 25 de xaneiro", explica Pablo Fernández.
Colectivos veciñais e organizacións ecoloxistas protestaron pola tramitación de varios parques eólicos
Moitos destes parques eólicos levantaron polémica, colectivos veciñais e organizacións ecoloxistas protestaron precisamente por esta rapidez na tramitación destes proxectos
"Temos que respectar todas as opinións, por descontado, pero a realidade é que nos tamén defendemos un modelo eólico sostible, ordenado e que garanta todas as seguridades xurídicas e medioambientais. Nós non defendemos uns topes eólicos porque si, que é o que defende unha determinada parte do Parlamento, pero tampouco defendemos unha barra libre para este tipo de proxectos. Nese sentido temos que poñer en valor todas as declaracións ambientais favorables que obtiveron numerosos proxectos durante estes últimos meses", di o director xeral de Planificación Enerxética.
Nos próximos meses a Xunta vai conceder autorización administrativa aos 77 parques que lograron unha valoración ambiental favorable
Explica o director xeral de Planificación Enerxética que os "77 proxectos que foron resoltos cunha declaración de impacto ambiental favorablemente aínda non están autorizados. Agora nos próximos meses terán que obter a autorización administrativa."
"Neste momento xa pedimos unha ampliación dos prazos, pero o Goberno non atendeu os nosos requirimentos e non esperamos que agora poida ampliar eses prazos. A realidade é que agora nós temos tres meses para acceder á autorización destes proxectos, pero despois os proxectos, é certo que teñen ata mediados de 2025 para construíse. Estamos a escoitar por parte do sector que é unha dificultade a construción destes parques, e neste contexto hai que dicir que a decisión que adoptou o Goberno coa aprobación deste decreto lei non foi a mellor de todas".
Os prazos do Goberno eran moi restritivos
Fernández Vila di que lle gustaría poñer en valor o traballo que levan feito os empregados públicos da Xunta de Galicia nos últimos meses. Duplicáronse os informes emitidos en 2022 respecto e 2021, fíxose contratación de persoal, reforzos, e moitísimos dos nosos compañeiros tiveron que quedar sen vacacións de Nadal, pero a realidade é que con estes prazos tan restritivos que marca o Real decreto, dubido que os promotores poidan cumprir os prazos".
"A Xunta continuará realizando a tramitación do impacto ambiental para o resto de proxectos que quedaron fóra", di Fernández Vila
"Para os proxectos que non alcanzaron, polos prazos, a valoración de impacto ambiental favorable o 25 de xaneiro, vaise continuar coa tramitacións. É certo que a normativa estatal marca que perden o permiso de acceso á conexión pero nós non executaremos o que son as garantías económicas que depositaron os promotores destes proxectos e continuaremos coa tramitación pero sen poder autorizar mentres non teñan o permiso de acceso á conexión".
O TSXG paralizou de maneira cautelar tres proxectos eólicos
O TSXG paralizou de maneira cautelar tres proxectos eólicos. Sobre eses proxectos a conselleira de Medio Ambiente dixo declaracións defendendo "o rigor e transparencia dos informes e transparencia" e engadiu que "evidentemente todo o mundo pode cometer erros". Fernández Vila di que "subscribe as palabras que dixo a conselleira".
"Desde logo nós defendemos esa tramitación rigorosa cunha avaliación ambiental e someténdoo a informes de todos os organismos sectoriais. De feito, moitas das vías desfavorables que obtiveron foron como consecuencia dun estudo das sinerxías que se demostrase que eses proxectos eólicos coa configuración que se promovía causasen unhas afeccións ambientais significativas. Polo tanto considerouse que non era viable a continuación da súa tramitación".