Filipe VI inicia este domingo unha xira por Estonia, Lituania e Letonia
Filipe VI inicia este domingo unha xira por Estonia, Lituania e Letonia
É a primeira ocasión en que viaxa aos tres países bálticos, onde non o acompaña ningún ministro
O rei Filipe VI iniciou esta tarde unha vista aos países bálticos, que ten como primeiro paso Estonia, continuará en Lituania e rematará o martes en Letonia. O monarca visitará as tropas españolas despregadas nestes Estados en misións da OTAN ante a ameaza rusa. A ministra de Defensa, Margarita Robles, incorporarase o martes a esta xira.
É a primeira visita de Filipe VI ás repúblicas bálticas desde que accedeu ao trono hai unha década. Esta tarde aterraba no aeroporto de Tallin, a capital de Estonia, e logo foi recibido con honores militares polo presidente do país, Alar Karis, na súa residencia oficial.
O obxectivo desta viaxe é reforzar a relación coas tres repúblicas exsoviéticas e amosar o compromiso de España coa súa seguridade ante a ameaza de Rusia. En cada un dos tres países bálticos hai tropas españolas despregadas dentro dos dispositivos defensivos do denominado flanco leste da OTAN, que serán visitadas por Filipe VI nestes tres días.
O primeiro encontro coas tropas foi en Tallin no buque anfibio portaavións Xoán Carlos I, que acaba de participar no exercicio Baltops 2024 da OTAN. Nel estreáronse as unidades de Finlandia e Suecia, que veñen de integrase na Alianza Atlántica.
O Rei, ademais de entrevistarse cos presidentes dos tres Estados, tamén visitará os seus Parlamentos. Estas imaxes corresponden ao de Estonia. En principio, ningún ministro ía acompañar o monarca, pero esta tarde transcendeu que a titular de Defensa, Margarita Robles, participará na última etapa desta xeira en Letonia.