Publicador de contidos
Publicador de contidos

Filipe VI protagoniza este domingo a súa décima mensaxe do Nadal

Filipe VI protagoniza este domingo a súa décima mensaxe do Nadal

Todos os discursos pronunciounos desde o Palacio da Zarzuela, salvo o segundo, que o fixo no Palacio Real

O rei Filipe VI coa raíña Letizia o pasado mércores en Madrid. EFE/Javier Lizón O rei Filipe VI coa raíña Letizia o pasado mércores en Madrid. EFE/Javier Lizón
G24.gal 24/12/2023 08:22 Última actualización 24/12/2023 08:53

Filipe VI vai protagonizar este domingo a décima mensaxe do Nadal do seu reinado, marcado polo distanciamento entre o Goberno e o PP por medidas como a lei de amnistía e a crise do poder xudicial, e, no plano internacional, polas guerras en Oriente Próximo e Ucraína.

Desde que se estreara o 24 de decembro de 2014, seis meses despois de chegar ao trono, todos os discursos pronunciounos desde o Palacio da Zarzuela, salvo o segundo, que o fixo no Palacio Real.

Estas son as principais ideas que o monarca abordou nas súas nove mensaxes do Nadal previas:

2014: “Cortar de raíz a corrupción”

A primeira alocución tivo lugar dous días despois de que o xuíz do caso Nóos decidira que a infanta Cristina fora xulgada como presunta cooperadora en dous delitos fiscais. O rei defendeu a necesidade de abrir unha "profunda rexeneración" da vida colectiva e "cortar de raíz e sen contemplacións a corrupción". Sobre a crise política que aumentaba en Cataluña, pediu unidade e non resolver os desencontros “con rupturas emocionais ou sentimentais".

2015: “Unidade e non ruptura da lei”

A segunda mensaxe, a primeira e única gravada no Palacio Real, chegou poucos días despois das eleccións xerais que debuxaron un escenario complexo, polo que o monarca pediu aos partidos actuar con sentido do deber, responsabilidade e vontade de entendemento e concertación, ao servizo do interese xeral dos españois. En alusión a Cataluña, expresou a súa “confianza na unidade e continuidade de España” fronte aos intentos de “ruptura da lei” e de impoñer unha idea ou un proxecto sobre “a vontade dos demais españois”.

2016: “Brazos abertos e mans tendidas”

Superados dez meses de bloqueo na formación de goberno, Filipe VI avogou por unha España de "brazos abertos e mans tendidas" na que a convivencia democrática estivese baseada "no respecto á lei", "na unión e nunha vontade decidida e leal de construír e non de destruír", ao soster que non era tempo para "fracturas, nin divisións internas". Por iso, animou aos partidos a buscar "o diálogo e o entendemento" e “profundar nunha España de brazos abertos e mans tendidas, onde ninguén axite vellos rancores ou abra feridas pechadas".

2017: “Non impoñer as ideas”

Case tres meses despois da súa mensaxe á nación do 3 de outubro contra o referendo ilegal en Cataluña, volveu dirixirse aos españois para defender a pluralidade en Cataluña e o seu rexeitamento para “impoñer as ideas propias fronte aos dereitos dos demais”. O xefe do Estado chamou a “recuperar a serenidade e o respecto mutuo”.

“O camiño non pode levar de novo ao enfrontamento ou á exclusión, que só xeran discordia, incerteza, desánimo e empobrecemento moral”.

Os reis, co presidente do Goberno, o pasado xoves. EFE/Juan Carlos Hidalgo/POOL Os reis, co presidente do Goberno, o pasado xoves. EFE/Juan Carlos Hidalgo/POOL

2018: “Convivencia e respecto á Constitución”

Na súa quinta mensaxe do Nadal, Filipe VI apelou a garantir unha convivencia baseada no respecto á Constitución e a que "a superación dos grandes problemas e as inxustizas nunca pode nacer da división, nin moito menos do enfrontamento, senón do acordo e a unión ante os desafíos e dificultades". Constatou a súa preocupación pola cohesión social e territorial, a economía e o paro, a educación, a corrupción, o terrorismo e a violencia contra as mulleres.

"Unha violencia de tan triste actualidade e que merece sempre a repulsa e condena máis enérxica e o empeño de toda a sociedade para erradicala”.

2019: “Non caer nos extremos”

Nun contexto internacional convulso, o rei emprazou aos españois a “non caer nos extremos nin nunha autocompracencia que silencie as carencias ou erros, nin nunha autocrítica destrutiva que negue o gran patrimonio cívico, social e político” acumulado durante anos.

“Temos un gran potencial como país. Pensemos en grande. Avancemos con ambición. Todos xuntos. Sabemos facelo e coñecemos o camiño", proclamou.

2020: “Os principios éticos por encima do familiar”

No ano que estalou a pandemia, Filipe VI fixo un chamamento a emprender un "grande esforzo nacional" co fin de vencer "o desánimo e a desconfianza" xeradas pola covid-19.

“Nin o virus, nin a crise económica van dobregar”, salientou.

O outro foco de atención foi a situación de Juan Carlos I tras a súa marcha de España, respecto a o que o rei asegurou que "os principios morais e éticos" que a cidadanía esixe nos seus representantes públicos "obrigan a todos sen excepcións" e están "por encima de calquera consideración, da natureza que sexa, mesmo das persoais ou familiares".

2021: “Unidade e diálogo fronte á división”

De novo a situación política centrou a mensaxe do Nadal, na que o soberano reclamou "a unidade e o diálogo fronte á división e o enfrontamento", ademais de pedir "respecto, recoñecemento e lealdade" á Constitución por ser "a viga mestra" que propiciou o progreso dos últimos 40 anos. Sen mencionar ao rei emérito, subliñou que as institucións, tamén a Coroa, deben "respectar e cumprir as leis e ser exemplo de integridade pública e moral".

2022: “Erosión das institucións”

Ante a crise sen precedentes que houbo fai un ano entre o Goberno, as Cortes e o Tribunal Constitucional e a crispación entre os partidos, o xefe do Estado advertiu de que o enfrontamento político e social e “a erosión das institucións” poden ter riscos para a unión e a convivencia do país, ao apuntar que "a división fai máis fráxil ás democracias".

"Un país ou unha sociedade dividida ou enfrontada non avanza, non progresa, nin resolve ben os seus problemas, non xera confianza. A división fai máis fráxiles ás democracias; a unión, todo o contrario, fortaléceas", reflexionou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade