Netanyahu entra por primeira vez na franxa de Gaza dende o inicio da guerra
Netanyahu entra por primeira vez na franxa de Gaza dende o inicio da guerra
Hamás libera 17 reféns en Gaza e Israel ceiba 39 presos en Cisxordania
O grupo islamita valora unha prórroga da tregua se se mantén o intercambio
A expectación era máxima entre as familias e as comunidades dos reféns israelís, que seguían por televisión o anuncio da liberación dos seus: catro mulleres e 9 menores. A unha das cativas, con nacionalidade estadounidense, matáronlle os pais no ataque de outubro.
Ademais, Hamás liberou un secuestrado con nacionalidade rusa e tres cidadáns tailandeses. Como aconteceu nas dúas xornadas anteriores, foron levados a distintos hospitais para seren sometidos a unha revisión médica despois de saír da Faixa por distintos pasos fronteirizos.
Pola súa banda, Israel liberou 39 presos palestinos, segundo Qatar, todos menores. No acordo de tregua, que remata este luns, está previsto que en total queden ceibas 50 persoas secuestradas en Israel e 150 palestinas encarceradas.
Netanyahu na Fraixa
Neste terceiro día de tregua o primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, visitou por primeira vez a Faixa dende que comezou a guerra con Hamás o 7 de outubro. Segundo dixo, as súas tropas retomarán a ofensiva ata "eliminar" o grupo islamita cando termine o alto o fogo temporal.
"Continuaremos ata o final, ata a vitoria. Nada nos deterá e estamos convencidos de que temos o poder, a forza, a vontade e a determinación para lograr todos os obxectivos da guerra", indicou.
Ampliación da tregua
A posibilidade de ampliar o acordo do alto o fogo de catro días segue enriba da mesa, algo no que insistiron os Estados Unidos, aínda que Israel manifestou que non dá por rematada a ofensiva.
Por esta razón, moitos dos refuxiados seguen camiñando cara ao sur por se o martes volven os bombardeos mentres a axuda humanitaria segue entrando en Gaza.