Francia prepárase para outra noite de disturbios
Francia prepárase para outra noite de disturbios
Emmanuel Macron pospón unha visita de Estado de tres días a Alemaña
O venres pola noite houbo máis de 1.300 detidos en varios puntos do país
O presidente francés, Emmanuel Macron, pospuxo unha visita de Estado de tres días a Alemaña prevista para este domingo debido á vaga de disturbios que se vive en Francia desde hai catro días.
Unha decena de centros comerciais quedaron danados en todo o país e numerosos supermercados, estancos, sucursais bancarias, tendas de moda e de artigos deportivos e restaurantes de comida rápida vandalizados ou saqueados.
O ministro de Economía francés reuniuse este sábado con comerciantes e hostaleiros para avaliar os estragos causados nos últimos días. Sinalou que son elevados aínda que é cedo para poñerlles cifras.
Tras catro noites de disturbios pola morte dun mozo de 17 anos a causa dun disparo da Policía, o Ministerio do Interior considera que os altercados van a menos.
E iso que houbo máis arrestos: máis de 1.300 persoas detidas só o venres pola noite e 79 policías feridos. Un de cada tres detidos é menor de idade.
Igual que a noite do venres, 45.000 axentes integrarán o dispositivo de seguridade. Cidades como Marsella, Lyon e Grenoble onde se rexistraron os incidentes máis graves prepáranse para outra noite, a quinta, de altercados. Van contar con unidades de antidisturbios de reforzo.
Tamén houbo disturbios en Nanterre, preto de París, onde este sábado se oficiou o funeral por Nahel, o mozo de 17 anos, falecido cando intentaba fuxir dun control policial.