Almodóvar gaña por primeira vez o León de Ouro e fai historia en Venecia
Almodóvar gaña por primeira vez o León de Ouro e fai historia en Venecia
O cineasta recolle o galardón emocionado e reivindica o dereito a unha morte digna
O cineasta Pedro Almodóvar gañou este sábado o León de Ouro do 81º Festival de Venecia coa súa película The room next door (O cuarto do lado), converténdose no primeiro filme español en conquistar este premio.
Só outro director español, Luis Buñuel, acadou este galardón no 1967 con Belle de jour, pero naquela ocasión a película era una produción francesa.
O realizador manchego xa constatara o entusiasmo que provocou a película o día da estrea, o 2 de setembro, ao recibir un aplauso de 17 minutos do público. Foi unha das ovacións máis longas que se lembran no certame, considerado o máis antigo do mundo.
Inspirada na novela de Sigrid Nunez Cal é o teu tormento?, a cinta narra os últimos días dunha ex-reporteira de guerra (Tacha Swinton), enferma de cancro terminal, que decide poñer fin á súa vida e pídelle a unha antiga amiga (Julianne Moore) que a acompañe nese transo nunha illada e luxosa casa na montaña.
A cinta, que chegará aos cinemas españois o 18 de outubro, conta tamén no seu elenco con John Turturro, Alessandro Nivola, o español Raúl Arévalo e o hispano-arxentino Juan Diego Botto, entre outros.
É unha historia de amizade e solidariedade que o cineasta pensou como "resposta aos discursos de odio" da ultradereita actual, segundo declarou aquel día na rolda de prensa da Mostra.
Dereito a unha morte digna
Pedro Almodóvar recolleu o galardón moi emocionado e aproveitou para reivindicar o "dereito fundamental" a unha morte digna.
"A película fala non só da solidariedade sen límites, senón tamén da decisión dunha personaxe de rematar coa súa vida cando esta só lle ofrece unha dor sen solución (...) Despedirse deste mundo limpa e dignamente é un dereito fundamental de todo ser humano, non é un asunto político, senón humano e é desde a humanidade como hai que abordalo, aínda que os gobernos teñan que articular as leis axeitadas para que isto se poida levar a cabo".
O cineasta dixo saber que "este dereito atenta a relixión ou credo que teña a Deus como fonte vida".
"Eu pediría aos practicantes de calquera credo que respecten e non interveñan en decisións individuais, o ser humano debe ser libre para vivir e para morrer cando a vida sexa insufrible", agregou.
Almodóvar asegurou que, malia ser a súa primeira película en inglés, "o espírito é español". E agradeceu o premio ás súas actrices, Tacha Swinton e Julianne Moore.
"Como director, un dos privilexios é ser a primeira testemuña cando ocorre un milagre diante da cámara e tanto Tacha como Julianne convocaron un milagre moitos días de rodaxe", dixo.
Outros galardóns
A segunda do palmarés foi a italiana Maura Delpero, que gañou o León de Prata Gran Premio do Xurado por Vermiglio, a historia dunha familia nunha illada aldea dos Alpes que se ve sacudida pola chegada dun soldado da fronte da II Guerra Mundial.
O León de Prata á mellor Dirección foi para o estadounidense Brady Corbet por The Brutalist, a historia dun xudeu húngaro interpretado por Adrien Brody que chega aos Estados Unidos en 1947 para darse de bruzos co soño americano.
O francés Vincent Lindon acadou a Copa Volpi ao Mellor Actor por interpretar a un pai coraxe que afronta a captación dun dos seus fillos pola ultradereita do país en Jouer avec le feu.
A australiana Nicole Kidman gañou a Copa Volpi á mellor actriz polo seu papel en Babygirl, metáfora da liberación sexual, aínda que non puido recollelo pola morte da súa nai.
O Premio Especial do Xurado recaeu na película April, un drama hiperrealista sobre o aborto no mundo rural e os embarazos de menores da directora xeorxiana Dea Kulumbegashvili, que gañou a Concha de Ouro de San Sebastián e outros premios co seu debut Beginning (2020).
O francés Paul Kircher levou o Premio Marcello Mastroianni ao mellor actor emerxente. O Mellor Guión foi para Ainda estou aqui, película do brasileiro Walter Selles sobre a ditadura no seu país, escrita por Murilo Hauser e Heitor Lorega.