Olegario Vázquez Raña, un visionario con raíces galegas
Olegario Vázquez Raña, un visionario con raíces galegas
Naceu en México en decembro de 1935 pero ten raíces galegas
Recibiu o Premio Ourensanía da Deputación de Ourense
Olegario Vázquez Raña é un empresario mexicano con profundas raíces galegas. Está a piques de cumprir os 89 anos e conta cunha dilatada traxectoria empresarial, deportiva e filantrópica, de proxección internacional.
A súa familia provén do municipio ourensán de Avión. Os seus pais emigraron a México en 1925, onde os comezos non foron nada doados.
"Toda a vida estiven dedicado a traballar. Fun un home tamén de moita sorte, porque non hai unha fortuna, xente que traballe moi duro, se non ten sorte", destaca.
A historia deste empresario de éxito estivo tamén moi vencellada ao deporte, mundo no que comezou en 1956 dentro do tiro deportivo, disciplina na que acadou numerosos logros en campionatos nacionais e en xogos olímpicos, ata ser membro honorario no Comité Olímpico Internacional.
De Olegario Vázquez Raña tamén destaca o seu labor de filantropía e de compromiso social, de campañas de axuda humanitaria e tamén de achegas na loita contra o cancro.
"Tiven moitos compromisos sociais, estiven na Cruz Vermella americana, estiven en moitas beneficencias e foi sempre moi satisfactorio para min poder axudar os demais", engade.
Está considerado un visionario no sector empresarial, conta con hospitais, hoteis, bancos, grupos de imaxe e multimedia, un mundo no que os seus fillos seguen os seus pasos.
Deixa un legado de éxito en moitas facetas. Está considerado para moitos unha inspiración por unha traxectoria baseada no traballo, na disciplina e no compromiso.