Publicador de contidos
Publicador de contidos

A participación en Francia sobe 20 puntos nuns comicios coa extrema dereita de favorita

A participación en Francia sobe 20 puntos nuns comicios coa extrema dereita de favorita

O candidato da ultradereita, Bardella, parte con vantaxe, pero a incógnita radica en se logrará gobernar

A coalición de esquerdas prefigúrase como alternativa ante a decadencia do macronismo

G24.gal 30/06/2024 14:23

A participación na primeira volta das eleccións lexislativas francesas subiu ata o 59,39 % no territorio metropolitano ás 17.00 horas, moi por riba do total dos comicios de hai dous anos.

Nas anteriores eleccións de 2022 a participación a esa mesma hora fora do 39,42 %, e só alcanzou un 47,51 % ao final da xornada, sinalan os datos do Ministerio do Interior

Son unhas eleccións decisivas en Francia, máis aló dos tópicos ao uso, con Jordan Bardella como favorito a priori. El lidera as sondaxes encabezando o cartel do Reagrupamento Nacional, a extrema dereita de Marine Le Pen. Aspira a converterse en xefe do Goberno en idade xuvenil, 28 anos, despois de triunfar nas eleccións europeas. En campaña dixo que sería o primeiro ministro do poder adquisitivo, dos recortes na presión fiscal e dos límites á inmigración.

Á saída do colexio electoral, despois de votar telematicamente, non hai declaracións antes os medios como en España, só o encontro con algún simpatizantes.

Bardella asegura que non vai gobernar se non obtén maioría absoluta para impor o seu programa. Esa é a esperanza dos seus rivais, aínda que o actual primeiro ministro, Gabriel Attal, do partido de Macron, teno moi difícil para seguir no poder. Converteuse este ano no xefe de executivo máis novo da historia de Francia (ten 35 anos) e no primeiro declaradamente homosexual que chega ao cargo. En contra del xogan as impopulares medidas de Macron, moi especialmente a reforma laboral e a das pensións.

Manuel Bompard, de 38 anos, participou nos debates como cabeza visible da coalición de esquerdas Nova Fronte Popular, que defende políticas sociais, a suba do salario mínimo ou rebaixar a idade de xubilación aos 60 anos. Nas últimas enquisas ocupaban un desafogado segundo lugar con preto do 30 %, a só 6 puntos da utradereita.

Os colexios electorais abriron ás oito da mañá e pecharán ás seis da tarde nas localidades máis pequenas e ás oito nas grandes cidades. 

Laurent Babelon di que espera que todos os franceses asuman as súas responsabilidades, que se decaten de que o futuro do país está nas mans de 40 millóns de persoas e confía en que a participación vai aumentar significativamente.

Son 49 millóns e medio de franceses os que teñen dereito a voto para elixir os 577 deputados da Asemblea Nacional. Ao mediodía o índice de participación era do 25,09 por cento, sete puntos máis que a mesma hora das eleccións lexislativas de 2022. E tamén a cifra máis alta dos últimos 25 anos.
As previsións apuntan a que a participación podería rozar o 67 por cento nuns comicios que segundo todas as enquisas pode gañar por primeira vez o partido ultradereitista de Marine Le Pen, Reagrupamento Nacional.

Así o cren moitos electores en Henin-Beaumont, unha localidade situada ao norte do país fronteiriza con Bélxica, bastión da ultradereita. 

Como Marc Mahieu que asegura que a vila recuperou o seu esplendor grazas a Reagrumento Nacional.

A Catherine gústanlle as ideas de Reagrupamento Nacional pero ten medo porque di que son racistas e que iso non o tolera.

En París os votantes móstranse máis intranquilos por unha posible vitoria da ultradereita. Esta inmigrante de orixe africana conta que traballa e paga os seus impostos en Francia e que só quere vivir e seguir traballar tranquila. 
 

De momento a xornada electoral transcorre sen incidentes salientables. Ás oito coñeceremos as primeiras sondaxes a pé de urna.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade