Conde: "Presentaremos un orzamento social e moi orientado ao investimento"
Conde: "Presentaremos un orzamento social e moi orientado ao investimento"
Aféalle ao Goberno que malia incrementar ingresos non aplique medidas que atenúen a inflación a empresas e familias
O vicepresidente primeiro da Xunta bota en falta a atención ás industrias nas medidas do Goberno en materia enerxética
Considera "insólita" a actitude da Moncloa con Stellantis e ve en risco o proxecto do vehículo eléctrico
O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asegura na Radio Galega que os Orzamentos da Xunta para 2023 -cuxo proxecto aprobará o Consello da Xunta da semana que vén- fixan no apoio ás familias máis vulnerables e de menor nivel de renda o obxectivo principal.
Segundo Conde, que durante a viaxe de Alfonso Rueda á Arxentina e o Uruguai asume os asuntos de Presidencia, "presentaremos o Orzamento, de novo en tempo e forma" co fin -di- de que o “esforzo” teña impacto canto antes nas familias e empresas.
Nesa idea, na entrevista no Galicia por diante fin de semana, apunta que hai un incremento do 8,5 % en materia de investimentos nos diferentes departamentos e tamén se fai fincapé no "eido social", o que o leva a afirmar que "vai ser un Orzamento social e moi orientado ao investimento".
"Presentaremos o Orzamento, de novo en tempo e prazo un ano máis, para garantir que todo este esforzo dende o punto de vista orzamentario vaia ter un impacto de forma inmediato nas familias e nas empresas".
No que atinxe á súa consellería, fala de que será “o investimento máis importante da historia da comunidade en materia de eficiencia enerxética”, cunha partida de 75 millóns de euros.
Así mesmo cita unha liña de 30 millóns de euros para que os autónomos poidan afrontar gastos enerxéticos e a “aposta pola industria” con eixes como a "dixitalización", a "sostibilidade" e un marco normativo favorable que facilite os investimentos e xere confianza dos propios investidores.
Política económica do Goberno
O vicepresidente primeiro da Xunta considera que o Goberno central ten “falta de credibilidade” no que atinxe ás contas públicas para o ano que vén. Na súa opinión, o executivo faría ben en trasladar con máis certezas cal é a situación real que ten España.
Nesa liña, e tras confirmarse o plan económico remitido pola Moncloa a Bruxelas, Francisco Conde asegura que nel se constata que o “Goberno está incrementando de forma acelarada os ingresos" e lamentablemente esta situación non se está repercutindo en baixada de impostos ás familias”. Considera que a “situación é anómala” e é preciso que “se poida corrixir de forma inmediata”.
"O Goberno non está aplicando medidas que realmente poidan atenuar o impacto que nas familias e nas propias empresas -dende o punto de vista do prezo eléctrico- estamos a sufrir".
Nas vésperas do debate entre o presidente do Goberno e do presidente do PP no Senado, Conde opina que nese foro se confrontarán dous modelos.
Un, o do PSOE, no que segundo Conde se incrementan impostos tanto a empresas como a familias "para dispoñer dunha serie de recursos que está utilizando de forma opaca nalgúns casos para compensar situacións dende o punto de vista territorial”.
O outro, o do PP, onde na súa opinión, se “defende a redución de impostos porque as familias levan durante este ano pagando unhas cotas adicionais pola propia inflación”.
Política enerxética
Francisco Conde tamén cuestiona o paquete de medidas promovidas polo Goberno para reducir o consumo enerxético. Na súa opinión, estamos ante programas e plans que xeran "confusión".
Entre as eivas que lle apón están a ausencia dunha memoria económica e que a redución do consumo se basee -aduce- na parada das empresas electrointensivas. O vicepresidente primeiro da Xunta asegura que piden “que non deixe de lado a industria”. Sobre todo di botar en falta que non haxa “ningún elemento para conter o prezo eléctrico”.
Neste contexto -coa guerra de Rusia en Ucraína de fondo- onde se ten falado das garantías de subministración enerxética, Conde critícalle ao Goberno a súa xestión ante as térmicas como a das Pontes. Asegura que o executivo non informara a Xunta dos seus plans sobre esta factoría.
"Non parece razoable que este silencio nos teña nunha indeterminación. Primeiro o impacto que poida haber no emprego e en segundo lugar, sobre que vai pasar sobre eses megawatts que se teñen pechados e que realmente esperemos que Galicia non perda esa capacidade de xeración eléctrica".
Fondos europeos e proxectos galegos
O vicepresidente Conde reitera a súa “enorme preocupación” polos proxectos galegos vinculados a fondos Next Generation. Admite que “non temos boas sensacións” ante a “cerrazón por parte do Goberno por non compartir a execución dos fondos vinculados a proxectos industriais”. Un pesimismo que estende á candidatura de Stellantis ao PERTE do Automóbil.
Tras as últimas afirmacións da ministra de Industria e un eventual segundo PERTE para este sector, Conde cualifica de “insólitA” a actitude do Goberno ante Stellantis. Lembra que o executivo ten creado un grupo de traballo que se comprometera a reunir pero que aínda non o fixo.
Conde pídelle ao Goberno que aclare se quere ou non achegar fondos a Stellantis Vigo ou se quere establecer novas convocatorias para que poida optar. Para o vicepresidente primeiro, hai risco na asignación da plataforma de fabricación do vehículo eléctrico para a factoría de Balaídos.
"Nestes momentos a asignación de vehículos eléctricos a Vigo está en risco e non hai ningún tipo de seguridade de que ese investimento se poida producir. O Goberno debe pasar das palabras aos feitos".
Bono Activa Comercio
O conselleiro de Industria asegurou que máis de 2.000 comercios se adheriron en tres días á nova edición do Bono Activa Comercio. Un sistema de descontos que pretende animar á compra no pequeno comercio de proximidade e máis en tempos de alza de prezos.