Publicador de contidos
Publicador de contidos

Fumata branca en Stellantis, por María Bastida

Fumata branca en Stellantis, por María Bastida

G24.gal 23/01/2025 08:03

Despois de meses de incerteza, Jean Philippe Imparato, director de operacións para Europa da multinacional do automóbil, confirmou a adxudicación da plataforma STLA Small ás plantas de Vigo e Zaragoza.

A familia de plataformas STLA (Small, Medium, Large e Frame) constitúe un dos piares fundamentais da estratexia de electrificación de Stellantis, a coñecida como Dare Forward 2030. Este plan estratéxico aspira a lograr o liderado da compañía na mobilidade sostible, alcanzando a neutralidade de carbono para 2038 e comercializando un 100 % de coches de pasaxeiros eléctricos en Europa e un 50 % nos EUA para 2030. Neste contexto, as factorías españolas producirán vehículos pequenos, como utilitarios ou urbanos, mentres que a planta de Pomigliano fabricará vehículos do segmento C, lixeiramente máis grandes, que se adoitan clasificar como compactos. Noutras palabras, cada planta terá un rol complementario dentro da estratexia de Stellantis, que desta forma especializa e diversifica a produción en función dos segmentos do mercado automobilístico.

Con esta decisión, a planta de Vigo consolídase como a máis produtiva de España, garantindo a súa actividade e emprego ata 2037 e reafirmando a súa importancia no conxunto da economía galega. Con máis de 6.000 empregos directos e unha cadea de valor que impacta a 25.000 persoas, o impacto non se limita á planta en si, senón que se estende por centos de provedores e actores do ecosistema industrial galego. Estes logros, con todo, non serían posibles sen o apoio das administracións públicas, que facilitaron os investimentos necesarios para modernizar a planta e garantir a súa competitividade global.

Na súa intervención, Imparato destacou que a adxudicación responde a factores como a competitividade, o saber facer, o clima social e o apoio das administracións públicas. Noutras palabras, que todos os actores fixeron os deberes. Por unha banda, a planta viguesa soubo combinar a súa eficiencia operativa con máis de medio millón de vehículos fabricados ao ano grazas a procesos optimizados, tecnoloxías avanzadas e unha capacidade loxística que a sitúa como un referente europeo. Ademais, a factoría de Balaídos conta con décadas de experiencia que forxaron unha base de coñecemento técnico e profesionalidade, o que lle permite integrar novas tecnoloxías con facilidade. Por último, o seu clima social converteuse nunha vantaxe competitiva menos tanxible, pero igualmente transcendente. As relacións laborais xeran unha contorna de estabilidade produtiva que se insire nunha contorna socioeconómica favorable composta por unha sólida rede de provedores, infraestruturas loxísticas avanzadas e un ecosistema industrial consolidado, o que reforza a súa posición de liderado dentro do mercado global da automoción.

A estes elementos súmase o determinante papel do apoio institucional: os fondos europeos do PERTE do Vehículo Eléctrico e Conectado, que proporcionaron a Vigo ao redor de 60 millóns de euros para modernizar as súas instalacións, e o compromiso da Xunta de Galicia, evidenciado en apoios económicos e estratéxicos. Por exemplo, a mes pasado anunciouse un plan sectorial de 230 millóns de euros ata 2027, enfocado na transición enerxética e a adaptación ao vehículo eléctrico, incluíndo 50 millóns en axudas directas á industria auxiliar.

Por tanto, estamos ante unha excelente noticia que reflicte como unha combinación de factores estratéxicos pode converter unha rexión nun actor líder na industria global. Aos galegos non debería de escaparnos o peso que tivo na decisión o "ecosistema industrial". Máis aló dos resultados operativos da planta, o éxito radica no equilibrio entre factores como a cualificación dos seus traballadores ou o clima social, que non son fáciles de replicar. Doutra banda, tampouco podemos obviar que a industria automotriz está a cambiar rapidamente. Vigo ten aquí unha grande oportunidade para situarse como un centro estratéxico para a produción de vehículos eléctricos accesibles en Europa, pero isto requirirá un esforzo constante en formación, innovación e colaboración público-privada. En resumo, isto non é só unha vitoria para Vigo e Galicia, senón un reflexo de como se pode construír unha vantaxe competitiva sostible cando as pezas —innovación, recursos humanos e institucionais— traballan en sintonía. Agora a clave será manter esta vantaxe nun contexto global onde os cambios son cada vez máis rápidos e as oportunidades, máis disputadas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade