Publicador de contidos
Publicador de contidos

Stellantis confirma a produción de coches eléctricos en Vigo e Zaragoza

Stellantis confirma a produción de coches eléctricos en Vigo e Zaragoza

Farán vehículos eléctricos de batería  multienerxía, cunha autonomía de ata 500 quilómetros

G24.gal 22/01/2025 17:43 Última actualización 22/01/2025 20:44

Stellantis confirmou este mércores que adxudicou a produción da súa nova plataforma STLA Small para a fabricación de vehículos eléctricos ás súas plantas en Vigo e en Zaragoza.

Así, o fabricante de 15 marcas entre as que están Peugeot, Citroën, Opel, Fiat ou Lancia, explica que a próxima xeración de modelos atribuídos ás fábricas en Galicia e Aragón producirase sobre esta plataforma.

Por outra banda, o grupo internacional automobilístico sinala que a planta de Madrid "terá futuro en Villaverde" máis aló do actual Citroën C4, "o segundo coche máis vendido en Europa no segmento C ".

STLA Small é unha plataforma nativa de vehículos eléctricos de batería  multienerxía, que ofrece unha autonomía de ata 500 quilómetros, pensada para facilitar unha mobilidade eficiente.

Tras o lanzamento da plataforma STLA Medium en 2023 e o anuncio de STLA Large e STLA Frame en 2024, a STLA Small é a última das catro plataformas globais que son "un dos piares da estratexia de electrificación do grupo automobilístico".

Ademais, o grupo formado tras a fusión en 2021 de Fiat Chrysler e Groupe PSA explica que a adxudicación da plataforma STLA Small a Vigo e Zaragoza é complementaria á xa anunciada en decembro de 2024 en Pomigliano (Italia) para modelos compactos.

A Xunta cualifica a noticia de excelente

 O presidente da Xunta cualifica de magnífica noticia este anuncio de Stellantis. Alfonso Rueda di que a aposta da multinacional pola fábrica de Vigo é tamén froito dos apoios da Xunta ao sector do automóbil.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, considerou "unha excelente noticia" que Stellantis anunciase a chegada da plataforma STLA Small á planta de Vigo para fabricar coches do segmento B (automóbiles pequenos).

"Recibimos en Galicia unha boa noticia para a industria da automoción", insistiu Lorenzana, quen lembrou que Vigo é a planta de vehículos máis produtiva de España, con máis de 6.000 empregos e unha cadea de valor da que dependen 25.000 persoas.

A conselleira desexou que Stellantis "continúe cumprindo os seus compromisos con Galicia" e investindo no talento e a capacidade industrial que ten a comunidade autónoma.

Tamén fixo "unha chamada ao grupo para que conte para esta nova liña de coches eléctricos cos provedores galegos".

Lorenzana apuntou que hai unhas 200 empresas ao redor da empresa matriz e que, "por capacidade, por coñecemento e por innovación industrial, están tamén entre os primeiros a nivel internacional", polo que avogou porque Stellantis compre en local e continúe apostando por esa cadea de produción.

A conselleira indicou, ademais, que esta noticia chega “nun momento crucial”, xa que está "a piques de aprobarse o plan director da automoción, que se atopa suxeito ao último dos informes do Consello Económico e Social de Galicia.

Lorenzana mencionou tamén que a Xunta comprometeu 75 millóns de euros en axudas ao sector en tres anos e acaba de lanzar o segundo paquete de apoios de 2025 para toda a cadea de valor. 

"Garante a transformación"

Tras o anuncio, o ministro de Industria e Turismo valorou "moi positivamente" a noticia.  Jordi Hereu cre que pon de manifesto que España conta con plantas "competitivas" e reforza a posición do país como "un dos líderes mundiais en produción de vehículos".

Hereu lembrou que Stellantis obtivo un total de 342,4 millóns de euros das distintas convocatorias das axudas do PERTE VEC e PERTE de Descarbonización. Deste total, 139,5 millóns van parar á modernización da cadea de valor das factorías.

"Este anuncio confirma que España avanza adecuadamente para converterse no hub europeo da mobilidade eléctrica e conectada", sentenciou o ministro en declaracións remitidas aos medios de comunicación.

Os sindicatos valoran a noticia

 Os sindicatos recibiron con satisfacción a noticia que esperaban desde que se asinou o convenio para a factoría galega.

Aser Sanz, de UXT, sinalou que o anuncio de Stellantis os satisfai porque supón "un recoñecemento aos esforzos que leva facendo o persoal de Vigo nos últimos anos".

Sanz lembrou que o agora confirmado por Stellantis xa "se puxo sobre a mesa" cando se asinou o convenio da planta en novembro de 2023 para o período 2024-27.

O representante de UXT valorou positivamente que se trate dunha plataforma "multienerxía", que non é cento por cento eléctrica e pode levar mecánicas híbridas, xa que é o que "está a pedir o mercado" e iso "garante carga de traballo".

Tamén se alegrou polos compañeiros de Zaragoza e Madrid, plantas ás que Stellantis dará impulso.

Daniel Álvarez, do sindicato SIT-FSI, afirmou que o anuncio do grupo de automoción para Vigo é "unha moi boa noticia, consecuencia do traballo de todas as persoas que traballan na fábrica e unha mostra do saber facer" do centro de produción de Vigo.

Víctor Mariño, da CUT, indicou que a eles non os colleu por "sorpresa porque era un segredo a voces".

Dixo que "cada un xoga as súas bazas" e o grupo Stellantis "tamén" o fixo ao manter a "todo o mundo en tensión" e levar aos Goberno central e autonómico a "tentar abrir a man coas axudas públicas e ser condescendentes co grupo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade