Un cento de coches clásicos exhíbense na Estrada durante a fin de semana
Un cento de coches clásicos exhíbense na Estrada durante a fin de semana
A exposición de vehículos clásicos reúne coches de particulares e asociacións
Un cento de vehículos clásicos enchen o recinto feiral da Estrada como mostra do parque móbil dunha época na que o coche era algo máis ca un utilitario. Asociacións de amigos do automóbil e particulares amosan as súas coleccións, resultado de anos de dedicación, coidado e restauración.
Para os entendidos en coches antigos o Salón de Vehículo Clásico da Estrada é un escaparate de historia onde se comparten coñecementos de mecánica, restauración, experiencias vividas nas concentracións e a motivación de recuperar un vehículo que deixou pegada.
"Maiormente cada quen ten o seu motivo: porque foi un coche que houbo na familia, na veciñanza... Vaiche entrando ese gusto e cando aparece un vas por el", asegura Manuel González, do Club de Amigos do Automóbil Antigo.
"A min sempre me gustaron os coches clásicos e a meu pai tamén. Empezamos pouco a pouco ata que fomos aumentando a colección", recorda Xosé Miranda coleccionista que acumula varias ducias de vehículos.
E coinciden en que despois é difícil parar. A maioría dos propietarios teñen varios vehículos, e ás veces custa escoller unha única reliquia despois de tantas horas de dedicación.
"É raro atopar coleccionistas que teñan un só coche. A media como mínimo debe estar nos tres coches", di González.
Son unha familia xa entrada en anos, porque os vehículos son clásicos a partir dos 30, pero os coleccionistas máis habituais duplican a idade das súas pertenzas.