Visitas guiadas por unha casa da Guarda con decoración típica do Nadal americano
Visitas guiadas por unha casa da Guarda con decoración típica do Nadal americano
A vivenda está aberta para quen queira visitala, todos os días, entre as seis e as doce da noite
Medio millón de luces led nunha casa particular. Oíron ben. Un matrimonio decora desde hai catro anos o seu fogar en Camposanco, na Guarda, ao máis puro estilo do Nadal nos Estados Unidos.
O motivo é que a dona da casa é norteamericana. A vivenda está aberta para quen queira visitala, todos os días, entre as seis e as doce da noite.
Son 500.000 luces led, moitas máis que mesmo algún municipio galego. A decoración da casa de Manuel Alonso e Wanda Veloz é para o desfrute de todo o Concello da Guarda, eles ofrecen visitas guiadas, e ten como obxectivo contaxiar o seu espírito de Nadal a quen desexe achegarse ata aquí.
Isto non é produto da industria cultural norteamericana, do cine que trouxo Halloween e outras modas. Neste caso é produto da nacionalidade da dona da casa, que é de ... O Nadal e as luces viven neste fogar dous meses, de 15 de novembro a 15 de xaneiro, máis incluso que na cidade das luces por excelencia, xa saben, Vigo.
Foi despois da pandemia cando decidiron dar luminosidade ao seu espírito. Wanda quería un Nadal americano, como os da súa infancia. Contaxiou a Manuel e hoxe van por medio millón de luces led. Visitas, en fin de semana poden pasar das duascentas persoas.
"Eu a verdade quedo asombrada. Que nunca tiveramos un problema, nunca un si nin un non coa xente. Ao contrario. Amables, agradecidos. E agradecidos de que fixeramos isto e que puideran entrar aquí", conta a TVG Wanda Veloz, a dona da casa.
"A idea foi de Wanda, máis ben. Porque ela como se criou en Estados Unidos, e iso é normal alí. Tratamos de facer algo parecido aquí e mira ti que bonito quedou. Empezamos despois da pandemia, un pouquiño, porque a xente estaba moi aburrida e fomos animando á vila. E esa era a nosa idea. E mire vostede onde chegamos", explica Manuel Alonso, o dono da casa.
Este sábado, como todos desde que fixeron o acendido o 15 de novembro, as visitas non paran
Como dicía o anuncio, hai cousas que non teñen prezo. Ou en realidade si. A factura da luz, conta o matrimonio, non supera máis que en trinta euros as do resto do ano.