O comité di ter preparada unha querela por suposta “estafa agravada” contra Alcoa
O comité di ter preparada unha querela por suposta “estafa agravada” contra Alcoa
Faino polo "incumprimento do acordo asinado legalmente” para a construción do forno de ánodos, “o principal investimento recollido no acordo de viabilidade”
O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, confirmou que a representación dos traballadores ten preparada xa unha querela por suposta "estafa agravada” contra a compañía polo incumprimento do acordo “asinado legalmente” para a construción do forno de ánodos, “o principal investimento recollido no acordo de viabilidade” para o complexo do concello mariñán de Cervo.
En declaracións a EFE precisou que esta querela será presentada porque o comité tiña “acordado” coa compañía no pacto de viabilidade a construción dese forno de ánodos, pero a día de hoxe esa obra non ten data.
“A aprobación ía ser o 27 de novembro de 2023, a licitación dos fondos. Con todo, o CEO da compañía, tras asinar ese acordo, dixo publicamente que non ía poñer nin un duro máis na fábrica e que non había fondos para acometer ese investimento”.
Rercordou Zan que o CEO da empresa “asinou un documento no que se comprometeu” a realizar ese investimento. É “coma se eu me comprometo cun albanel para facer unha reparación na miña casa e, unha vez que acaba a obra dígolle que non vou pagar porque non teño fondos”, explicou.
“Elaborar esa querela por estafa agravada levounos moito tempo, porque ten que estar moi ben argumentada. Tes que ter moi claros todos os puntos”, dixo Zan, quen opina que “as últimas reunións da xefatura de planta cos traballadores” están mesmo reforzando eses argumentos.
“Están a beneficiarnos, porque non se pode andar polo mundo dicindo as cousas que está a dicir, falando de proxectos de reindustrialización para a planta á marxe de nós e proxectos futuros que descoñecemos. Descoñecemos cales son eses proxectos dos que fala o xefe de planta e que ninguén máis coñece”, engadiu.
Por outra banda, con respecto ao memorando de entendemento (MoU) asinado polo Goberno, a Xunta de Galicia, Alcoa e Ignis para garantir o futuro das operacións en San Cibrao, reiterou que non ten ningún tipo de validez legal.
“Ese acordo de intencións xa o tiñamos no ano 2021, agora volven vendernos a mesma moto, tres anos despois e en peores circunstancias, porque Alcoa está a ameazar con non cumprir un acordo legalmente asinado. Tanto o Goberno, como a Xunta como Alcoa queren cambialo para que os traballadores non teñan posibilidade de reclamación se se produce un incumprimento do mesmo”, afirma.