Alcoa propón a continuidade da refinería de alumina e o arrinque do 75 % das cubas en 2025
Alcoa propón a continuidade da refinería de alumina e o arrinque do 75 % das cubas en 2025
A empresa ábrese á posibilidade de investir 120 millóns adicionais aos 100 millóns que achegará ao fluxo de caixa xunto con Ignis
A compañía solicita á Administración “maximizar axudas” e “dar certeza” ás compensacións por CO2, entre outras condicións
O comité de Alcoa informou de que a dirección da compañía expuxo na reunión mantida este xoves no complexo industrial de San Cibrao a posibilidade de manter a continuidade da produción na refinería de alumina e arrincar como mínimo o 75 % das cubas da fábrica de aluminio primario no ano 2025, aínda que con condicións.
Segundo a representación dos traballadores, era unha reunión informativa para presentarlle o “preacordo” coa enerxética Ignis, na que interveu de maneira telemática o director executivo desa compañía.
En todo caso, segundo a información facilitada polo comité despois da reunión, Alcoa solicita que as administracións estean en disposición de “maximizar axudas” e “dar certeza” ás compensacións por CO2, así como a “axilizar os permisos dos parques eólicos” pendentes.
Así mesmo, solicita a autorización para aumentar a cota do Depósito de Lodos Vermellos, a balsa onde almacena os residuos tóxicos derivados da transformación de bauxita en alumina. De feito, afirmou que ten “aprobado o proxecto e os fondos” para a execución da obra.
Dos traballadores pide “flexibilidade nos tempos” para executar “os compromisos dos investimentos” previstos no complexo, así como “acceso ao fondo de garantía do acordo de viabilidade”, diñeiro depositado no seu día para levar a cabo a modernización do complexo industrial.
Segundo o comité, "Alcoa di que achegará" de forma "inmediata" un "fluxo de caixa" de 100 millóns de euros (75 achegados directamente pola compañía e 25 millóns por Ignis), coa posibilidade de chegar a “unha achega adicional de ata 120 millóns de euros”.
Ademais do rearrinque das cubas e o mantemento da produción na refinería, comprométese a restablecer o fondo de garantía a partir de 2028, pero “a condición de que se dean as condicións previstas”.