Publicador de contidos
Publicador de contidos

Xunta e traballadores esíxenlle a Alcoa que aclare o seu futuro

Xunta e traballadores esíxenlle a Alcoa que aclare o seu futuro

Esixiron á empresa que complete os requirimentos ambientais que lle faltan e ao Goberno central que "atenda" as necesidades enerxéticas da compañía

G24.gal 06/09/2024 16:03

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse este venres co comité de empresa de Alcoa e, xuntos, esixiron á empresa que complete os requirimentos ambientais que lle faltan e ao Goberno central que "atenda" as necesidades enerxéticas da compañía, "como se comprometeu".

Así o expresaron tanto a conselleira como o presidente do comité, José Antonio Zan, que compareceron ante os medios para dar conta dos asuntos tratados na reunión.

Entre eles, o expediente da balsa de lodos vermellos, agora en tramitación.

Tal e como apuntou a conselleira, o recrecemento da balsa é "esencial" para a actividade da planta.

"Aproveito unha vez máis para reclamarlle a Alcoa que complete os requirimentos da Xunta.

De feito, acordamos na reunión facer un novo requirimento (...).

Agora mesmo está en mans de Alcoa completalos para que poidamos autorizar o recremento da balsa, por suposto, con toda a tramitación ambiental complexa que isto supón, para que exista un futuro para a continuidade da actividade de Alcoa", aseverou.

Lorenzana insistiu en que a compañía "ten que ser seria" co expediente e así, "manifestar a súa vontade de querer continuar coa súa actividade, de continuar traballando en Galicia".

"Atender as necesidades enerxéticas de Alcoa

Respecto ao tema enerxético, reiteraron a urxencia de que o Executivo central "cumpra" o seu compromiso de "atender as necesidades enerxéticas" da empresa.

A conselleira lembrou que todos os parques eólicos que dan subministración a Alcoa, competencia da Xunta, están autorizados,  "menos un que xa ten declaración de impacto ambiental",

Por iso esixiu á ministra para a Transición Ecolóxica, que "dea cumprimento á súa palabra" cando dixo que daría solución aos parques eólicos cando os seus permisos de acceso e conexión decaeran.

A este respecto, indicou tamén que debe modificarse o estatuto para as empresas electrointensivas.

"O tema enerxético é crucial para que Alcoa ou un eventual comprador poida continuar con esta actividade", remarcou.

 Reunión ao máis alto nivel

 José Antonio Zan referiuse a esa próxima reunión que solicitarán "ao máis alto nivel", concretando na vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica e no ministro de Industria.

Ademais, solicitou o apoio da Administración galega, especialmente do presidente, Alfonso Rueda.

O presidente do comité pediu a todas as partes "máis axilidade", "dado que non está o persoal nin a comarca en moi bo ton".

"Levamos catro anos sufrindo unha tortura continua e permanente. Volvemos ver que non entregan documentacións necesarias para o futuro da planta e sobre todo, unha mala fe ao asinar un acordo que din que non van cumprir", censurou.

Zan foi máis aló e falou do "atraco" que Alcoa está a cometer contra os seus traballadores, a comarca e toda Galicia ao tratarse dun "sector estratéxico" como é o do aluminio.

"Non podemos depender un país enteiro de que unha multinacional se siga rindo á nosa custa". Zan esixiu a Alcoa que dunha vez por todas, cumpra co asinado. E se non, que a Xunta, a través do Igape, apoie a intervención da empresa e que o Goberno de España "se deixe dunha vez por todas de marear miles de persoas e colla o touro polos cornos", animou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade