Galicia despide a Rogelio Groba, compositor de máis de 700 obras de música clásica
Nas súas composicións resaltaba a súa fonda vinculación coa música popular galega
Foi director e promotor de bandas de música, orquestras e de centros de formación musical
Será soterrado esta tarde en Ponteareas, onde nacera en 1930
Rogelio Groba naceu en Guláns en 1930. A rica tradición musical desta parroquia de Ponteareas axudou a que descubrira axiña o seu don para a música. Aos 11 anos xa era o frautín solista da banda local. Aos 17 anos xa era o director da agrupación e continuou a súa formación no Conservatorio de Música de Madrid, onde obtivo o título superior en Composición.
Creou e dirixiu agrupacións musicais en Galicia, Madrid e Suíza, pero sempre priorizou a súa faceta creativa. Óperas, suites, cantatas..., nos seus 92 anos de vida compuxo 720 obras, nas que sempre resaltou a súa vinculación coa música tradicional galega.
"Gustoume dirixir, pero sobre todo gustoume compoñer, crear".
Na súa discografía resalta Cantigas de Mar, gravada pola Orquestra de Cámara de Stuttgart, ou a Gran Cantata Xacobea, interpretada pola Sinfónica de Londres. A súa última obra, a sinfonía nº 16, Voces da terra, foi estreada no novembro pola Orquestra Sinfónica da Coruña, unha entidade que el impulsou nos seus comezos.
Rogelio Groba foi tamén un entusiasta investigador e mestre. A Televisión de Galicia repasará a súa prolífica carreira nun novo episodio da serie Galegos que se emitirá este luns as 23:10 h na G2.