Ruphert, "o peiteador das estrelas", morre aos 87 anos
Ruphert, "o peiteador das estrelas", morre aos 87 anos
Famoso por peitear a artistas como Rocío Jurado, Lola Flores, Manolo Escobar ou Palito Ortega, tamén chegou a peitear a Grace Kelly e Jacqueline Kennedy
Natural de Tomelloso, aprendeu o oficio no prostíbulo da localidade e aos 14 anos foise a Madrid, segundo el contaba
Ruphert fíxose moi coñecido nos anos 80 tras protagonizar o anuncio dunha marca de xampús no que a actriz Victoria Abril dicía: "Ruphert, te necesito"
Ruphert morreu este sábado en Valencia aos 87 anos, segundo informou este domingo o Concello de Tomelloso, a súa cidade natal. Ruphert era coñecido como "o peiteador das estrelas" por peitear no seu día artistas como Rocío Jurado, Lola Flores, Manolo Escobar ou Palito Ortega. Tamén era o peiteador da duquesa de Alba e da burguesía madrileña.
Cando Grace Kelly e Jacqueline Kennedy viñeron de visita a España, disque foi a muller de Fraga Iribarne a que o chamou para que as peitease.
Como el mesmo contou a diferentes medios de comunicación, era de orixe humilde a aprendera a peitear nun prostíbulo de Tomelloso "facendo a permanente a xitanos e prostitutas". A permanente foi a súa grande especialidade e tamén se lle chamaba "o rei do pelo frito".
Ruphert sempre se considerou a si mesmo un artista e engadía "son enxeñoso e brillante. Canto máis tempo pasa, máis grande son". "A todos lles gustaba como cortaba o pelo, mesmo a Franco".
"Ruphert, te necesito"
Nos anos oitenta fíxose especialmente famoso tras protagonizar o anuncio dunha marca de xampús no que a actriz Victoria Abril dicía: "Ruphert, te necesito", frase que se fixo famosa e repetía todo o mundo.
O alcalde de Tomelloso, Javier Navarro, manifestaba hoxe o seu "profundo pesar" polo falecemento de Ruphert, a quen definiu como “universal, grandísimo profesional e profundamente namorado do seu pobo”.
Ruphert foi enterrado á primeira hora da tarde deste domingo no cemiterio municipal de Tomelloso (Ciudad Real).
O alcalde lembrou que Ruphert "foi unha icona do seu sector, ademais de ser inspirador de moitas xeracións", e que "a súa creatividade impulsou técnicas novas que hoxe se estudan nas academias e escolas de todo o mundo".
O alcalde de Tomelloso lembrou tamén os numerosos recoñecementos que Ruphert recibira no seu municipio, onde foi nomeado "Viñador de Honra" na primeira edición deses galardóns.