Galicia garantirá por lei o acceso á cultura para facela inclusiva
Galicia garantirá por lei o acceso á cultura para facela inclusiva
O proxecto de lei aprobado polo Consello da Xunta pretende garantir ese dereito tanto ao público como aos creadores
O Consello da Xunta aprobou este xoves o proxecto de lei de cultura inclusiva de Galicia, que garantirá o acceso de público e creadores a produtos culturais. O Goberno autonómico destaca que será unha norma "pioneira" a nivel mundial.
O obxectivo da futura lei de cultura inclusiva de Galicia é eliminar todas as barreiras de acceso ao consumo e creación cultural, xa sexan barreiras físicas ou cognitivas, para persoas con discapacidade, xa sexan económicas, no caso de colectivos vulnerables, ou territoriais, pensando na poboación que vive lonxe das cidades.
Incluirá unha batería de medidas para regular e facilitar o acceso de todas e todos á cultura. Delas o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destaca que se vai garantir venda de entradas no despacho de billetes, e non só en liña; impulsar formatos itinerantes para levar unha programación de calidade a toda Galicia; e descontos en espectáculos nos que participe a Xunta, pero que tamén impulsarán naqueles de iniciativa privada.
A previsión do Goberno galego é que esta lei quede aprobada no Parlamento antes de que remate este ano.