Galicia manterá o número de aulas en infantil e primaria malia perder 4.000 alumnos
Galicia manterá o número de aulas en infantil e primaria malia perder 4.000 alumnos
A aplicación do acordo de novas ratios permite manter abertas 204 aulas que cos cocientes anteriores terían que pechar
Seis escolas de infantil e un colexio de primaria non abrirán por falta de alumnos
Os centros de educación infantil e primaria en Galicia comezarán o curso o próximo 11 de setembro cun total de 174.998 alumnos, o que supón un descenso de 4.030 estudantes respecto ao anterior 2023/24, aínda que se manterá o número de aulas pese ao descenso de matrícula.
En concreto, segundo informa a Consellería de Educación, no caso dos colexios públicos, haberá en funcionamento 7.336 aulas, dúas máis que no ano académico que acaba de finalizar. Ademais, o número de mestres incrementarase nestes niveis respecto do ano anterior, con novas incorporacións ata o mes de setembro.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a modificación do catálogo de unidades do sistema público nas etapas de infantil e primaria, xa co resultado de aplicar o acordo de mellora do sistema educativo asinado o pasado ano entre a Xunta e as organizacións sindicais.
Segundo os datos provisionais de matrícula en educación primaria haberá 126.531 alumnos, 2.368 menos que o curso pasado; e en Educación Infantil serán 48.467, o que supón 1.662 menos. Mentres, a cifra de aulas practicamente mantense, con 7.336, dúas máis.
A aplicación do acordo, que blinda a estrutura da educación para a próxima década, permite manter abertas 204 aulas que coas cocientes anteriores pecharían e estímase que permitirá manter ao redor de 900 aulas abertas nos tres próximos cursos, a pesar da caída da natalidade.
Así a maiores para este curso, a Consellería decidiu manter en funcionamento catro centros educativos no rural (en San Cibrao das Viñas, Taboadela, Boiro e Vilariño de Conso) con menos de seis alumnos ao apreciar previsións de incremento.
Pola contra, por matrícula insuficiente e sen previsión de incremento, non prestarán servizos: Traba (Laxe), Tal de Abaixo (Muros), Solobeira (Vilagarcía), Agro-Baredo (Baiona) e Guillán (Vilagarcía). Tamén bota o peche o colexio de primaria de Beariz.
Educación xustifica o peche destes centros polo baixo nivel de matrículas, entre dous e catro alumnos que, segundo a Xunta, contan con praza nos colexios de referencia "máis próximos".
A Consellería de Educación recibiu 14.379 solicitudes de praza para nenos e nenas que entran por primeira vez no sistema en 4.º de infantil. Isto supón que quedaron libres ao redor do 32 % das 21.137 prazas ofertadas.
Ademais, o 97 % das familias conseguen praza no centro solicitado como primeira opción.
En Galicia o 99,7 % do alumnado de infantil e primaria conta con servizo educativo no concello onde reside, o que supón que só o 0,3 % non o ten no seu municipio fronte ao 1,2 % de media de España.