Galicia presume en Fitur de auga e turismo sostible
Galicia presume en Fitur de auga e turismo sostible
Os reis inauguraron a feira, que nesta edición bate récord de participantes
Galicia presume en Fitur 2024 de mar, ríos, termas, fervenzas, chuvia... de auga, un recurso imprescindible para a vida, e un reclamo cada vez maior ante o cambio climático. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu este mércores á presentación da campaña turística da Xunta para este ano "Galicia é auga, Galicia é futuro" no expositor institucional da feira de Madrid.
Tras un ano de récord, o sector turístico galego fixa os obxectivos para este 2024: buscar máis turistas estranxeiros, atraer visitantes fóra de temporada alta e mellorar as conexións por tren e por avión. "O 24 % (dos turistas) vén en temporada baixa. Se tiveramos mellor conectividade estas cifras redundarían en aumentar a desestacionalización", apuntou Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia.
O presidente da Xunta destacou entre os atractivos turísticos do país o Camiño, a autenticidade, a identidade propia, a artesanía, as denominacións de orixe e os recursos hídricos. "Nos sitios onde a auga escasea, mírannos con envexa, e cando che miran con envexa acaban vindo. Todo o que a xente busca no mundo, témolo en Galicia", defendeu Alfonso Rueda.
De aquí ao venres no expositor de Galicia presentaranse ante profesionais do sector medio cento de ofertas turísticas. A fin de semana a feira de turismo abrirá para o público en xeral.
Os reis de España foron os encargados de inauguraron a Feira Internacional de Turismo de Madrid, que nesta edición bate récord de participantes.
Fitur reunirá ata o domingo 9.000 empresas de 152 países, e conta con Ecuador como invitado. Filipe VI e Letizia Ortiz visitaron o expositor do país andino, onde foron recibidos polo presidente Daniel Noboa.