A Xunta prevé reducir a interinidade docente ao 6 % no ano 2023
A Xunta prevé reducir a interinidade docente ao 6 % no ano 2023
O conselleiro de Educación comproba o desenvolvemento da oposición e deséxalles sorte aos opositores
O conselleiro de Educación comproba o desenvolvemento da xornada nun instituto en Santiago, nunha das 145 sedes nas que se celebran os exames. Román Rodríguez destacou a importancia deste proceso selectivo para dar estabilidade e renovar os equipos docentes. Ofértanse preto de 2.500 prazas, segundo explica Román Rodríguez.
"En Galicia nos últimos anos estamos facendo un grande esforzo por ofertar prazas educativas. Houbo unha renovación aproximadamente dun terzo en pouco máis de seis anos. Pensamos que deste xeito estamos mellorando a calidade do sistema, o funcionamento do sistema educativo galego, que está dando bos resultados, que destaca pola súa equidade e pola súa calidade".
A día de hoxe a taxa de interinidade docente en Galicia está moi por baixo da media estatal, segundo a Xunta. Por cada cen profesores, oito son interinos.
"Hai que ter en conta que a media de España está nun 25 por cento e nalgunhas comunidades está nun 40. Ter cadros de persoal estables é moi importante para desenvolver proxectos educativos estables. Cando remate tanto este proceso coma o que imos convocar este ano, para desenvolver no ano 2023, estaremos nunha taxa de interinidade do 6 %, moi por baixo do obxectivo que proxecta o Goberno, que é do 8 %".
Este proceso e o concurso de méritos que se celebrará o ano próximo sumarán preto de 4.000 prazas.