Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia vive a noite máis curta e máxica do ano co San Xoán

Galicia vive a noite máis curta e máxica do ano co San Xoán

As cacharelas, as sardiñas e os rituais das herbas de San Xoán conforman o tridente destas horas

As forzas de seguridade piden precaución á hora de saltar o lume das fogueiras

Panorámica da Coruña na noite de San Xoán (EFE Cabalar)
G24.gal 23/06/2024 20:52 Última actualización 24/06/2024 08:42

É unha das noites máis curtas do ano, a do solsticio de verán, a que anuncia as vacacións e a que espanta os malos agoiros. Nesta noite de cacharelas e sardiñas, Galicia viviu a súa xornada máis máxica do ano.

A cidade da Coruña volveu ser epicentro do San Xoán galego. Por algo foi declarada esta Festa de Interese Turístico Internacional. Os fogos artificiais marcaron o inicio para gozar da noite máis máxica do ano.

Como é tradición, repartimento nas praias: familias na de Riazor, xuventude na do Orzán. Non faltaron os saltos sobre o lume purificador... uns con máis pericia ca outros. 

Este ano ademais houbo vixilancia extra tamén desde o aire, con drons da Policía Nacional que sobrevoaron os areais para garantir a seguridade e que se respectase a prohibición de bañarse a partir das dez.

Como xa se prevía, a celebración foi multitudinaria. Tras un mes meteoroloxicamente frouxo, o anticiclón que veu co solsticio de verán animou a moitos a estrear a nova estación con festa rachada. Non choveu, inda que refrescou bastante ás beiras do Atlántico.

Pero non só houbo festa nas praias. Tamén nos barrios. Segundo o Concello, ata 160.000 persoas celebraron esta primeira festa do verán na Coruña. 

O mellor de todo, que non houbo incidentes. Amais dos drons de vixilancia, este ano o dispositivo especial de seguridade constaba de máis de 650 efectivos e tres puntos violeta.

Acabada a festa, hoxe é día para recuperarse da troula e das enchentes. E moitos poderano facer desde a casa, porque en corenta concellos galegos hoxe é festivo local. 
 

San Xoán no sur de Galicia

No sur de Galicia tamén houbo unha celebración que manda,  a de Nigrán. Este ano con medidas para previr danos na contorna. 

San Xoán en Sarria

En Sarria, a celebración do lume coincidiu, ademais, coas festas patronais.

San Xoán en Lugo

En Lugoconcedéronse case catrocentas cacharelas. Prendéronse en canto caeu a noite, que é cando máis se aprecian. Acostuman acompañarse de degustacións, xa sexan sardiñas ou ben tenreira ao espeto.

San Xoán en Vigo

Vigo tamén ardeu esta noite máxica. Unhas vinte asociacións culturais e veciñais solicitaron permiso ao Concello para celebrar a noite de San Xoán, dende o casco vello aos barrios periféricos pasando por un puñado delas que se poderán gozar a pé de praia.

No paseo marítimo da ETEA, por primeira vez, grazas á asociación de veciños, Teis celebrou San Xoán con vistas ao Océano

"E nesta noite máxica, que mellor que estar á beira do mar e ao pé da ría de Vigo. Aquí estamos nun marco incomparable e nun lugar privilexiado. Ademais, é unha tradición moi arraigada en todo o noso país, na cidade e en Teis", conta Anxo Iglesias Covelo, o presidente da asociación de veciños de Teis. 

Neste enclave novo, na liña litoral á que os veciños levan tempo querendo darlle vida, hai tamén lugar para o vello, para o tradicional. Sardiñas, lume e un demo que ardeu deixando atrás os meses fríos e a escuridade.

Preto tamén do mar, en San Xoán de Alcabre, acenderon a súa fogueira como manda o regulamento non escrito ás doce da noite. E tamén serviu para botar fóra as meigas. Vigo ardeu co lume de San Xoán tamén no centro ou no Berbés. Este ano máis de vinte asociacións veciñais pediron os permisos para as cacharelas.  

E nas horas previas a esta noite máxica, seguro que son moitos os que dedicaron parte do seu tempo a facer o cacho coas herbas de San Xoán. Un ano máis... meigas fóra!

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade