Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia prepárase para o San Xoán con mellor tempo e moitas advertencias de seguridade

Galicia prepárase para o San Xoán con mellor tempo e moitas advertencias de seguridade

Haberá drons, dispositivos especiais de vixilancia e "puntos violeta" para evitar agresión a mulleres durante as fogueiras e festas posteriores

Apélase á prudencia dos asistentes e seguir as normas para evitar incidencias na "noite máxica" do ano

A previsión: tempo seco e ascenso das temperaturas

Salto das fogueiras de San Xoán en Riazor /Arquivo Salto das fogueiras de San Xoán en Riazor /Arquivo
G24.gal 22/06/2024 18:57

Os concellos galegos ultiman, un ano máis, os seus dispositivos e preparativos para a celebración da festa de San Xoán tras a publicación dos respectivos bandos coas normas básicas que deben cumprirse e os requisitos para solicitar a celebración de fogueiras.

Todo iso con chamamentos á prudencia para evitar incidencias e solicitando a implicación cidadá para deixar as zonas onde se realicen fogueiras, sardiñadas ou churrascadas no estado previo, sen restos de lixo.

O prognóstico da Axencia Estatal de Meteoroloxía é dunha melloría nas condicións meteorolóxicas, con subida de temperaturas e unhas mínimas durante a noite de 14 graos.

Será, ademais, no marco dunha xornada que contará con dispositivos de vixilancia, uso de drons ou a implantación, un ano máis, dos "puntos violeta" para denunciar calquera tipo de caso vrelacionado cunha agresión sexista.

Na Coruña, cidade na que o San Xoán está declarado Festa de Interese Turístico Internacional e onde se prevé que milleiros de persoas enchan os areais, haberá unha programación especial, fogos artificiais e "queima de falla", coa actuación de Mikel Erentxun pouco despois das doce e media da noite.

Isto baixo un amplo dispositivo de seguridade, incluídos drons, como o que usará algún municipio máis,  integrado por 650 persoas ante a previsión de que máis de 150.000 persoas estean nas praias do Orzán, Riazor e Matadoiro, con prohibición do baño a partir das dez da noite.

O dispositivo inclúe cámaras de vixilancia e estará operativo ata as seis da madrugada do día 24 cando se desaloxarán as praias para a limpeza. Isto, con todo, cun aviso de folga por parte do Sindicato de Traballadores de Limpeza, a partir dese día, unha situación que tamén se dá no municipio coruñés de Carballo, onde o persoal secunda un paro.

Posibles multas

En Vigo, onde os grupos da oposición volveron a demandar, coincidindo coa proximidade desta data, medidas urxentes pola "falta de bombeiros" estarán prohibidas as fogueiras en praias, en parques e xardíns públicos mentres que Nigrán implantarase un dispositivo de vixilancia en Praia América para impedir que se fagan grandes buracos no areal para preservalo e con posibles multas de ata 200.000 euros. 

Outros concellos consultados afirman que o risco de ser multados existe se non se cumpren as normas pero apuntan ao bo comportamento existente a este respecto por parte da cidadanía, sen necesidade, engaden, de que sexa necesaria exercer esta posibilidade. E é que as limitacións sobre as fogueiras son practicamente coincidentes nos municipios en relación, entre outras cuestións, ao perímetro de seguridade que debe existir respecto a zonas de edificios, árbores ou mobiliario público sexan zonas urbanas ou rurais. Varían os horarios ata as que se permiten, nalgúns casos ata as catro da madrugada, e con prohibicións como acceder con vidro ás praias, en caso de estar permitidas fogueiras nelas.

Prevención e concienciación

Tamén existe coincidencia sobre os materiais prohibidos: pneumáticos, plásticos, latas, botellas ou materiais de PVC para evitar incidencias e con prohibición de facelas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos.

A celebración incluirá, mentres, propostas variadas en canto a programación paralela. As sardiñadas e churrascadas marcarán, un ano máis, unha xornada na que, xunto ás fogueiras e a comida festiva, haberá distintas propostas musicais, sen esquecer as tradicionais orquestras.

Mentres, desde o ámbito sanitario apelouse a actuar con sentido para evitar queimaduras, así como recomendacións, entre elas, non prender o lume con líquidos inflamables nin a papeis ou tecidos ou garantir que non haxa posibilidade de que se reavive o lume unha vez apagada a fogueira.

"Prevención e concienciación", resumo desde a Unidade de Queimados do complexo hospitalario universitario da Coruña (CHUAC).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar