O Porriño pecha as atraccións das festas do Cristo por non cumprir coa normativa
O Porriño pecha as atraccións das festas do Cristo por non cumprir coa normativa
Os feirantes insisten en que teñen todo en regra, pero que respectarán o peche de seren precintados
A vintena de atraccións de feira das festas do Cristo, no Porriño, continúan pechadas despois de que o Concello lles entregara aos propietarios un decreto de clausura por non cumprir cos requisitos esixidos.
Os feirantes insisten en que teñen todo en regra, pero aseguran que respectarán o peche de seren precintados.
O pasado venres, o Concello do Porriño entregoulles un decreto municipal de paralización da actividade.
"Se lle comunicou a cada unha das atraccións o que non cumpría. E o que teño que seguir é o que me din os técnicos municipais, responder pola cidadanía e sobre todo pola seguridade que, para min, é o máis importante. É o que lles expliquei a eles tamén esta mañá, que nós temos que cumprir os procedementos correspondentes, temos que cumprir coa normativa. E para iso están os técnicos municipais. Os feirantes din que eles si cumpren. Pero eu non me vou poñer a discutir con eles", conta á TVG Alejandro Lorenzo, o alcalde do Porriño.
Os propietarios das atraccións, porque a medida non afecta aos outros postos que están nas rúas do Porriño nestas festas do Cristo 2024, cumpriron os prazos de licitación e da presentación de solicitudes.
"Veu a policía entregando aos compañeiros un decreto dicindo que o Concello decretaba o cesamento da actividade. Que tiñamos que desmontar en 24 horas. E que nese tempo se non desmontabamos que nos ían precintar as atraccións. E non nos deron un prazo. Porque non se trata de emendar documentación senón de que nos requiriron documentación nova a dous días da festa", explica Raquel Díaz, feirante do Teatro Virtual.
Os feirantes contáronnos que non abrirán nin desoirán o decreto que lles foi entregado o venres. Os informes dos técnicos municipais son desfavorables e insisten en que así no lles permitirán abrir.
Os concellos da área metropolitana de Vigo aínda teñen presente a morte dunha persoa ao soltarse un brazo da atracción Saltamontes, nas festas de Matamá.