As praias recuperan o seu aspecto tras as fogueiras de San Xoán
As praias recuperan o seu aspecto tras as fogueiras de San Xoán
Na Coruña levan recollidas 57 toneladas de lixo
A noite deixou preto de 300 incidencias e case 1.200 chamadas ao 112
Galicia vive a noite máis curta e máxica do ano co San Xoán
Aínda ben non amencera o día de San Xoán, comezaron os labores de limpeza dos areais tras a celebración das fogueiras.
As praias de Orzán e de Riazor, na Coruña, foron desaloxadas a partir das seis desta mañá. Posto que a folga do servizo de limpeza viaria prevista para esta xornada quedou desconvocada (a da recollida de lixo continúa, con servizos mínimos), os operarios municipais, a pé, con pas e con vehículos tractores empezaron nese intre a recoller os residuos dos festexos nocturnos que sementaban a area, a pesar da despregadura de colectores para o lixo ao longo de todo o paseo e das campañas de sensibilización lanzadas desde o Concello.
O operativa continúa, con 57 toneladas recollidas ata o momento.
Panxón e Praia América, en Nigrán, acollen outro dos San Xoán costeiros máis multitudinarios do país. Igualmente, a retirada de desperdicios comezou aínda ben non rematara a troula. Un dos obxectivos da noite era acabar co costume de moitos asistentes de cavaren un buraco na area para situar cadansúa fogueira, co conseguinte dano ambiental.
Para iso, fixáronse multas de 100 a 3.000 euros para as infraccións leves e de 200.000 para as graves. O equipo de drons do equipo Pegaso da Garda Civil reforzou a vixilancia. Segundo fontes municipais, as advertencias abondaron para que non se fixese ningunha.
A noite deixou preto de 300 incidencias e case 1.200 chamadas ao 112
A noite de San Xoán deixou preto de 300 incidencias e case 1.200 chamadas ao 112 na comunidade galega.
Segundo os datos do 112, houbo 1.189 avisos entre as 20 horas do domingo e as 9 horas do luns, coa maioría entre as 23 e as 2 horas.
En canto a incidencias, Emerxencias sumou 298 durante a noite, un dato similar ás 294 rexistradas na mesma xornada de 2023.
Entre elas, 98 foron asistencias sanitarias, das 8 corresponderon a queimaduras, houbo 60 chamadas ás forzas de seguridade e 23 incendios por fogueiras fóra de control.
O 112 destaca a coordinación entre os distintos equipos e as forzas e corpos de seguridade do Estado para terminar a noite sen incidencias de gravidade.
O dispositivo especial realizou 184 asistencias e detivo 3 persoas na Coruña
O dispositivo de emerxencias da celebración do San Xoán da Coruña realizou 184 asistencias e detivo a 3 persoas a noite do domingo ao luns.
Segundo os datos facilitados polo Concello, os diferentes postos tiveron 184 actuacións, o que supón un descenso dun 20 % respecto a as 229 do ano pasado.
Entre estas houbo 46 intoxicacións etílicas, 26 queimaduras, 33 limpezas oculares, 33 feridas, 22 mareos ou laceracións e 13 traumatismos.
Houbo 23 persoas que foron trasladadas a centros médicos, sen que ningunha fose por causas de gravidade.
Os catro puntos violetas, un fixo e tres móbiles, ofreceron información a 895 persoas, das cales 459 foron mulleres e 439, homes.
Tres persoas foron detidas durante a noite, dúas por delitos de violencia de xénero e outra por tenencia ilícita de armas.