Publicador de contidos
Publicador de contidos

En Penavaqueira organizaron unha ruta para apañar as herbas de San Xoán

En Penavaqueira organizaron unha ruta para apañar as herbas de San Xoán

Foron os propios veciños os que decidiron recuperar unha tradición que din se estaba perdendo

G24.gal 23/06/2024 21:28 Última actualización 23/06/2024 22:17

E nas horas previas a esta noite máxica de seguro son moitos os que dedicaron parte do seu tempo a facer o cacho coas herbas de San Xoán. Nunha aldea de Melón organizaron unha ruta para a veciñanza para ir na procura das herbas e visitar as fontes da aldea, algunhas mesmo engalanadas para recibir o solsticio de verán.

"Imos facer unha ruta e recoller as sete herbas máxicas do San Xoán: o fento macho, a xesta, o romeu, a malva, fiúncho, herba luísa e a herba de San Xoán. Imos coller a auga das sete fontes e a medida que facemos a ruta pois as herbas que imos atopando que sexan as do cacho para espantar os malos espíritos e lavar a cara pola mañá".

E deste xeito comeza a ruta polas rúas da aldea. Primeira parada na Fonte da Moa. Engalanada para recibir o solsticio de verán e venerar as súas augas.

Hai que ir facendo camiño e sempre atentos ás beiras: 

"Hai moita xente que non sabe que moitísimas desas plantas son medicinais. Tamén hai lendas que son interesantes, moi curiosas, para espantar as meigas, os demos, esas cousas que se crían antigamente, que ten o seu punto anecdótico".

Foron os propios veciños os que decidiron recuperar unha tradición que din se estaba perdendo.

"É moi bonito que a xente se xunte e diga, imos buscar isto, porque hai xente que non sabía que existía esa herba e que di que é o fiúncho? pois o fiúncho é a herba do anís. E quen di o fiúncho, di as outras tantas que hai. Están ao alcance de todos, pero non sabemos, témolas o lado, pisámolas, cortámolas cun fouciño e non sabemos que son esas herbas. E canto ben poden facer!"

Disque cada unha delas ten o seu aquel: as que protexen as casas, ou as que espantan o Meigallo e o mal de amor. Auga que purifica para entrar con toda enerxía no verán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade