Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Coruña prepárase para o San Xoán, unha das festas máis máxicas do ano

A Coruña prepárase para o San Xoán, unha das festas máis máxicas do ano

Está previsto que máis de 150.000 persoas participen na festa, declarada de Interese Turísitico Internacional

A cidade contará cun dispositivo de seguridade dun total de 650 profesionais

G24.gal 21/06/2024 14:16

A Coruña prepárase para unha das festas máis máxicas do ano, o San Xoán, recoñecida de Interese Turístico Internacional. E malia que o epicentro estará nas praias de Riazor e Orzán, nos barrios tamén traballan arreo para ter todo a punto.

"Empezaremos a partir das dúas da tarde con sardiñas e churrasco. Temos uns 80 quilos de sardiñas e 50 quilos de churrasco", explica Jorge Rilo, hostaleiro da rúa San Xoán.

"Levan de todo: costela de porco, tenreira, chourizos crioulos e ata salchichas", comenta unha vendedora do mercado da praza de Lugo.

Porén a protagonista vai ser a sardiña. As últimas frescas descargáronse este venres contra as dez da mañá.

"Non teñen problema ningún. Hai que gardalas ben na neveira e non tocalas ata ir facelas. E así aguantan igual". "Houbo moita, pero pequena. Están a seis euros o quilo". "Eu as grandes teño que vendelas a doce euros o quilo porque houbo poucas e van caras", explican as vendedoras do mercado da praza de Lugo.

Un ano máis o lume e a maxia inundarán o San Xoán coruñés, no que está previsto que participen máis de 150 mil persoas. E para velar pola súa seguridade, a cidade vai contar cun dispositivo dun total de 650 profesionais.

"Comezará ás cinco da mañá do día 23 e rematará ás seis da mañá do día 24, co desaloxo das praias para proceder á súa limpeza. Amais contarase con drons que farán esa vixilancia a través da Policía Local", di a concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz.

Desde este mediodía, na praia de Riazor xa loce no seu máximo esplendor a figura do san Xoán que arderá na noite meiga.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade