Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia xa transforma o 63 % do leite que produce

Galicia xa transforma o 63 % do leite que produce

Nos últimos cinco anos medrou nun 50 % o volume de leite destinado a queixos, nata ou iogures

O valor engadido dos produtos lácteos e a baixada no consumo de leite líquido explican a tendencia

 

G24.gal 10/01/2023 14:51

Nata, manteiga, queixos... Mentres o leite líquido perde cota de mercado aumenta a demanda e o valor dos lácteos transformados. Iso explica, por exemplo, que na cooperativa CLUN, a produción de iogures medrara un 20 % nos últimos anos.

"En xeral estamos centrando os nosos esforzos en produtos como iogures ou sobremesas lácteas, derivamos máis leite a esa transformación porque ten máis valor engadido, é máis prezado polo consumidor e dá maiores oportunidades ás industrias lácteas", explica Jessica Rey, directora de comunicación de CLUN.

 A tendencia é xeneralizada no sector. O volume de leite destinado a industrialización aumentou un 50 % nos últimos cinco anos e representa xa un 63 % do total. Destaca o crecemento da nata e o queixo. O queixo industrial e tamén o que ten denominación de orixe, como o Arzúa-Ulloa, o que máis se elabora.

"De feito Arzúa Ulloa é o segundo queixo con denominación de orixe protexida de España en produción e valor económico, o primeiro é o queixo manchego", matiza o director técnico da DOP Arzúa-Ulloa, Óscar Pérez.

Ademais Galicia consolídase como a primeira comunidade produtora de España e a décima de Europa. Iso si, os prezos que reciben os gandeiros seguen entre os máis baixos, motivo que fai especialmente interesante esta crecente aposta pola transformación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade