Un dos rabaños máis grandes do país está en Maceda
Pilar Suárez coida de 500 ovellas como gandeira e como veterinaria
Di que subiron moito os custos de produción e pide prezos xustos para a carne de cordeiro
Con máis de 500 ovellas, o rabaño de Pilar Suárez, en Maceda, é un dos máis grandes de Galicia. Herdou a explotación de seu pai e deixou o seu traballo de veterinaria por imposibilidade para compatibilizalo coa gandería. Pide prezos dignos para esta carne, moito menos demandada que a de tenreira, o porco e o polo e cuns custos de produción que non deixan de medrar.
Pilar Suárez pastorea 500 ovellas con facilidade. Todos os días, as que non están paridas, sácaas ao monte. Pero son moitas máis as tarefas que ten. Un traballo duro o de gandeira, que fai coa axuda de dous empregados e con moita ilusión.
Quéixase de que fóra do Nadal non está ben pagado o cordeiro e que é unha carne con pouca demanda.
Pilar é veterinaria. Os dous primeiros anos que se fixo cargo da explotación familiar compatibilizou os dous oficios, pero fíxoselle moi complicado; agora as únicas ovellas que cura son as súas.
As gandeiras en extensivo producen carne máis sa e de calidade mentres coidan o medio.
O rabaño do seu pai chegou a ser, con máis dun milleiro de ovellas, o máis grande de Galicia, o dela segue no ranking, é rendible, di, grazas ás subvencións, pero desexa que ao sector primario se lle dea a importancia que ten, a de alimentarnos.