Gamarra pídelle ao PP demostrar que son un "partido unido" e "preparado" fronte a Sánchez
Gamarra pídelle ao PP demostrar que son un "partido unido" e "preparado" fronte a Sánchez
Von der Leyen envía unha mensaxe de apoio en vídeo ao "seu amigo" Feijóo e defíneo como un líder experimentado
O PP cre que o cambio político en España está xa en marcha e na súa XXV Interparlamentaria a formación e os seus presidentes autonómicos marcaron como meta ampliar o poder territorial nas eleccións de maio, tinguir o mapa de azul, como "chanzo" para unha vitoria de Alberto Núñez Feijóo fronte a Pedro Sánchez.
Decenas de dirixentes e parlamentarios do PP, con Feijóo á cabeza, déronse cita este sábado en Toledo, nun encontro con intervencións en aberto, nas que o partido buscou desmontar o executivo de Sánchez, e cun debate a porta pechada que pretende engraxar a maquinaria da formación e coordinar o programa ante a futura cita electoral.
O Partido Popular quere recuperar a política centrada nos cidadáns, un goberno da xente, fronte ao de Sánchez que -di Cuca Gamarra- é un Goberno que vive da xente. Os populares denuncian unha campaña de insultos do goberno de Pedro Sánchez.
Unha campaña que tamén denunciou o presidente dos populares galegos. Alfonso Rueda critica as visitas de ministros a Galicia para descualificar a acción de goberno da Xunta.
Nesta primeira sesión da interparlamentaria, a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, enviou unha mensaxe de apoio persoal a Alberto Núñez Feijóo. Ante o PP a dirixente europea conservadora defendeu o "equilibrio" entre a economía de mercado e a responsabilidade cos cidadáns.
Feijóo será o encargado de clausurar o domingo a reunión coa que os populares poñen rumbo ás eleccións autonómicas e municipais de maio.