Giráldez: "Temos diante unha oportunidade boísima"
Giráldez: "Temos diante unha oportunidade boísima"
O Celta xoga a súa permanencia ante un Athletic que apura as súas opcións de Champions
A última vitoria do Cádiz ante o Xetafe aumentou a presión sobre o equipo dirixido por Claudio Giráldez, que se agarra ao seu bo rendemento en Balaídos, onde se mantén invicto desde a saída de Rafa Benítez, para certificar a súa continuidade na máxima categoría.
O Celta ten unha vantaxe de cinco puntos sobre o conxunto gaditano, que xoga dúas horas e media antes no Sánchez Pizjuán. Iso non lle gustou ao novo adestrador galego. Un triunfo dos de Mauricio Pellegrino no derbi co Sevilla, deixaría aos celestes sen marxe de erro a falta de tres xornadas para o final do curso.
“Quedan tres partidos, estamos onde estamos, e sabemos que temos diante unha oportunidade boísima".
"Estar illados é difícil pero temos que facelo".
"Temos que facer mínimo catro puntos e non estar pendente de nada máis".
O técnico celeste volverá axitar o seu once. Acertar a aliñación inicial de Giráldez é unha misión imposible para o adestrador rival, xa que en cada partido sorprende con algún retoque. Xogará Aspas?
"O obxectivo é que saian once xogadores para dar o máximo nivel do equipo".
"Se Iago está ben, xenial. Se non está ben, o equipo ten outros recursos".
Fronte ao Athletic, podería devolver ao peruano Renato Tapia ao centro do eixo defensivo para ter maior saída de balón. A outra opción é que, como xa fixo contra o Vilarreal, sitúe a Manquillo como terceiro central xunto a Jailson e Starfelt, con Damián Rodríguez e Beltrán na zona de creación e Tapia arrincando de novo como suplente.