Publicador de contidos
Publicador de contidos

Once anos de cárcere para o exgrapo que disparou a un mozo en Vigo

Once anos de cárcere para o exgrapo que disparou a un mozo en Vigo

É condenado a dez anos de prisión polo delito de tentativa de asasinato e a outro máis pola tenencia ilícita de armas

A Audiencia ve acreditada a intención de matar e rexeita que o acusado actuase levado polo medo

O exgrapo que lle disparou a un mozo en Vigo: "Se quixese matalo, faríao"

O condenado durante o xuízo. EUROPA PRESS O condenado durante o xuízo. EUROPA PRESS
G24.gal 17/10/2024 17:24

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a penas que suman 11 anos de cárcere, ao exGrapo Manuel B. G., por un delito de tentativa de asasinato e outro de tenencia ilícita de armas, tras disparar cunha pistola a un mozo na contorna do parque de Castrelos da cidade olívica.

O tribunal considera probado que o acusado, que no xuízo negou a súa intención de matar a ninguén e xustificou que fixera un disparo intimidatorio porque tiña medo do outro home -con quen tivera varios choques debido a problemas cos cans de ambos-, na tarde do 23 de setembro de 2023, atopouse coa vítima e coa súa parella e, ao velos, aproximouse proferindo expresións como "ides morrer" ou "xa che levaba tempo esperando".

Debido a disputas anteriores entre ambos, a vítima púxose a gravar co seu teléfono móbil e, nun momento determinado, Manuel B.G. "desenfundou sorpresivamente" unha pistola e apuntou cara ao mozo. Nun primeiro momento, tivo problemas para montar a arma, e esa circunstancia deu tempo á vítima para buscar refuxio e esconderse detrás dunha árbore mentres seguía gravando.

Cando tivo a arma lista, o acusado disparou cara ao mozo "no momento no que o tivo a tiro" e "con intención de causarlle a morte". De feito, expón a sentenza, estivo "a piques de alcanzarlle", aínda que o disparo acabou impactando na codia da árbore.

Ao decatarse de que o acusado disparaba munición real, a vítima comezou a gritar e a pedir axuda, solicitando a unhas mulleres que paseaban polo parque que avisasen á Policía. Cando estas testemuñas dixeron que xa avisaran ao 091, o acusado fuxiu do lugar e tirou, uns metros máis aló, a arma no medio dunhas matogueiras.

Non se puido acreditar que o acusado sufrise un medo insuperable

A Audiencia considera que Manuel B.G. é autor dun delito de asasinato en grao de tentativa e sinala que quedou probada a intención de matar. Respecto diso, lembra que acusado e vítima xa tiveran problemas antes e que hai testemuñas que confirman que, tanto en ocasións anteriores, como o día do disparo, Manuel proferiu ameazas de morte cara ao mozo.

Por outra banda, con respecto ao argumento da defensa, de que o acusado tiña medo do mozo, porque tiveran unha pelexa anterior, a Sala advirte de que é "discutible" que Manuel B.G. estivese amedrentado por ese episodio, ocorrido uns meses antes, dada a súa "escasa transcendencia". De feito, por eses feitos ambos foron condenados a pagar unha multa de 360 euros por un delito leve de lesións, por agredirse mutuamente.

Segundo a Audiencia, non se puido acreditar que o acusado sufrise un medo insuperable que o levase a disparar, nin que a situación fose "insuperable ou invencible", tal e como se aprecia na gravación. "Nada máis bastaba apartar os seus cans e permitir que os outros marchasen, sen que estes efectuasen ningunha acción que puidese considerarse agresiva e que o levase a reaccionar dese modo", resolveron os maxistrados.

Delitos e penas

Á vista da proba, a Audiencia acordou impoñer a Manuel B.G. 10 anos de cárcere polo asasinato en grao de tentativa e outro anos máis de prisión por tenencia ilícita de armas.

Igualmente, establece a medida de liberdade vixiada durante 10 anos, a contar desde o cumprimento da pena de prisión, consistente na prohibición de aproximarse a unha distancia inferior a 200 metros da vítima (o seu domicilio, lugar de traballo ou calquera lugar onde se atope), e de comunicarse con el.

En concepto de responsabilidade civil, a Audiencia establece que Manuel debe indemnizar ao prexudicado nun total de 3.804 euros, polos días de baixa e o dano moral. A sentenza non é firme, e contra ela cabe recurso de apelación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade