Publicador de contidos
Publicador de contidos

González Urrutia rexeita acudir á citación do Supremo por "violación do debido proceso"

González Urrutia rexeita acudir á citación do Supremo por "violación do debido proceso"

Está citado para "certificar" o resultado dos comicios presidenciais, un procedemento que non está contemplado na lexislación venezolana

Nicolás Maduro. Imaxe de Arquivo.
G24.gal 07/08/2024 15:50 Última actualización 07/08/2024 20:34

O abandeirado da oposición maioritaria de Venezuela, Edmundo González Urrutia, rexeitou este mércores acudir ao Tribunal Supremo de Xustiza, que o citou nunha causa para "certificar" o resultado dos comicios presidenciais, ao considerar que non se corresponde con ningún procedemento contemplado na lexislación venezolana e supón unha "violación do debido proceso".

"Se chegase a acudir ante a Sala Electoral, faríao en situación de absoluta indefensión, porque o trámite adiantado pola Sala Electoral, tal como foi anunciado polos medios de comunicación, non se corresponde con ningún procedemento legal contemplado na Lei Orgánica do Supremo e outra lei sobre a xurisdición electoral", dixo nun comunicado.

González Urrutia sinalou que a Sala Electoral non pode "usurpar" funcións constitucionais do Consello Nacional Electoral (CNE) e "certificar" uns resultados que aínda "non foron producidos de acordo coa Constitución e a lei, con acceso dos participantes ás actas orixinais que sirvan de fundamento a unha totalización e proclamación e coas debidas auditorías".

O exembaixador afirmou que se acode ao Supremo estará en "absoluta vulnerabilidade por indefensión e violación do debido proceso" e, dixo, poñerá en risco a súa liberdade e, especialmente, a "vontade do pobo venezolano expresada o 28 de xullo de 2024".

"Insto as autoridades a recuperar a sensatez e buscar en diálogo franco vías que canalicen as formulacións de cada parte, na instancia competente constitucionalmente e nun marco aceptable para todos, no que os dereitos humanos queden a salvo", apostilou.

O martes, o Supremo citou os 10 excandidatos presidenciais que competiron nas eleccións do pasado 28 de xullo, para "certificar" o resultado oficial dos comicios.

A presidenta do tribunal, a chavista Caryslia Rodríguez, asegurou que os excandidatos deberán atender este asunto en persoa, e ratificou que a falta de comparecencia "carrexará as consecuencias previstas no ordenamento xurídico", sen precisar cales.

Segundo a axenda establecida pola Sala Electoral do Supremo, este mércores deberá asistir González Urrutia, o abandeirado da a Plataforma Unitaria Democrática (PUD), que asegura gañar os comicios por ampla marxe e publicar o "83,5%" das actas de votación para apoiar este reclamo.

De acordo coa canle estatal VTV, o presidente do CNE, o chavista Elvis Amoroso, entregou o luns as actas de escrutinio das presidenciais ao Supremo, sen publicalas aínda, así como as actas de adxudicación e proclamación de Maduro como mandatario reelecto. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade