Guía para non perdérmonos no debate do Estado da Nación
Guía para non perdérmonos no debate do Estado da Nación
Que é, como se organiza ou para que serve un dos debates máis importantes do ano
O vixésimo sexto debate sobre política xeral da democracia celébrase a partir deste martes no Congreso dos Deputados.
Case todos os líderes políticos que van participar, farano por primeira vez.
Aquí vai unha breve guía para non perdérmonos nesta cita.
Que é o debate sobre o estado da nación
É o debate máis importante das Cortes Xerais xunto co de investidura e o de Orzamentos Xerais do Estado e ten especial relevancia porque o Goberno confronta as súas decisións con todas as forzas políticas e repasa a situación xeral do país desde todas as súas vertentes.
Quen son os protagonistas
O protagonista principal adoita ser o presidente do Goberno. Para Pedro Sánchez este vai ser o seu primeiro debate sobre o estado da Nación.
O resto dos protagonistas son os voceiros dos partidos políticos. Todos intervirán por primeira vez agás o voceiro do PNV, Aitor Esteban, o de Compromís, Joan Baldoví e a voceira de Coalición Canaria, Ana Oramas.
Como se organiza
O debate prolóngase desde o martes ata o xoves.
O martes e o mércores o presidente discute cara a cara cos voceiros de todos os partidos políticos e o xoves vótanse as propostas de resolución que rexistraron os grupos parlamentarios a modo de conclusións do debate.
O presidente do Goberno abre ás 12,00 horas esta cita cun discurso que non ten límite de tempo.
Cando finalice, suspenderase a sesión ata as 16,00 horas, que será cando comecen as intervencións dos voceiros dos grupos parlamentarios de maior a menor por espazo de trinta minutos, aínda que o grupo parlamentario socialista intervirá en último lugar, por ser o partido no Goberno.
O xefe do Executivo pode intervir en calquera momento do debate sen límite de tempo para responder os portavoces un a un ou de forma acumulada.
Pola súa banda, os voceiros teñen logo dez minutos para a réplica e outros cinco minutos para a contrarréplica.
Concluída a primeira fase do debate coa intervención do PSOE, probablemente o mércores ao mediodía, ábrese un prazo para que os grupos poidan presentar propostas de resolución e negociar emendas, que serán debatidas e votadas o xoves a partir das 10,00 horas.
Que son as propostas de resolución
Son as iniciativas escritas nas que os grupos poñen as súas conclusións ao debate. Non teñen carácter lexislativo, nin son vinculantes.
O seu obxectivo é orientar a acción política do Goberno e cada grupo parlamentario pode presentar un máximo de quince que deben ser aprobadas por maioría simple.
As propostas son votadas segundo a orde de presentación, salvo aquelas que signifiquen o rexeitamento global do contido da comunicación do Goberno, que se votarán en primeiro lugar.
Por que pasaron sete anos desde que se celebrou o último debate sobre o estado da nación
Aínda que a práctica habitual é que este debate se celebre todos os anos, o Executivo non está obrigado a convocalo.
De feito o debate non está recollido na Constitución e só se inspira nos artigos 196 e 197 do Regulamento do Congreso.
O habitual é que non haxa debates nos anos con convocatoria de eleccións xerais ou cando pasaron poucos meses desde as últimas celebradas. Tamén a pandemia da covid-19 atrasou a súa celebración.
Cando se celebra
Non hai unha data fixada para celebrar o debate do estado da nación.
A data propona o Goberno, a partir dunha comunicación que remite á Cámara onde resume as liñas xerais da súa actuación política.
Cal é o momento máis interesante do debate
O momento máis interesante adoita ser o "cara a cara" entre o presidente do Goberno e o líder da oposición, pero nesta ocasión o dirixente do PP, Alberto Núñez Feijóo, só pode estar presente como senador no hemiciclo e non poderá intervir ao non ser deputado.
No seu lugar intervirá a voceira do PP no Congreso, Cuca Gamarra.
Gamarra subirá á tribuna o martes ás 16.00 horas e tras ela farano os voceiros de Vox, Santiago Abascal, de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común, Pablo Echenique, Jaume Asens e Antón Gómez Reino. É previsible que o representane de ERC, Gabriel Rufián poida pechar o primeiro día de debate.
Nese caso, o mércores comezaría coa voceira de JxCAT, Miriam Nogueras, o representante do PDeCAT, Ferrán Bel, o de máis País, Íñigo Errejón, o de Compromís, Joan Baldoví e a voceira de Cs, Inés Arrimadas.
Seguiríanlle o voceiro do PNV Aitor Esteban, a de EH Bildu, Mertxe Aizpurúa, a da Cup, Mireia Vehí, a voceira de CC, Ana Oramas, o deputado do grupo Mixto Carlos García Adanero, o do PRC, José María Mazón, o de Foro Asturias, Isidro Martínez Oblanca e o de Teruel Existe, Tomás Guitarte.
O último en intervir é o deputado do PSOE, Héctor Gómez, tal como establece o procedemento ao ser o partido do presidente do Goberno.