Publicador de contidos
Publicador de contidos

Hamas di que vai estudar a nova proposta de tregua que lle acaba de enviar Israel

Hamas di que vai estudar a nova proposta de tregua que lle acaba de enviar Israel

O Estado hebreo advirte que non vai permitir moita demora na resposta mentres prepara a invasión de Rafah

Identificación de cadáveres nas foxas topadas no sur de Gaza
G24.gal 27/04/2024 08:52 Última actualización 27/04/2024 22:06

O grupo palestino Hamas confirmou este sábado nun breve comunicado que xa recibiu a proposta de tregua de Israel para o intercambio de reféns por presos palestinos e que a vai estudar.

"O movemento Hamas recibiu hoxe a resposta oficial da ocupación sionista (Israel) á postura do movemento, que foi entregada aos mediadores exipcios e qatarís o 13 de abril", escribiu o xefe adxunto do movemento na Franxa de Gaza Jalil al Hiya.

Segundo especifica, "o movemento estudará esta proposta e unha vez finalizado o seu estudo presentará a súa resposta", sen especificar canto tempo vai precisar. Pola súa banda, o Estado hebreo advertiu que non permitirá moita demora.

O venres, unha delegación mediadora do Cairo viaxou a Israel para tratar o asunto. Segundo a televisión estatal exipcia Al Qahera News, "lográronse avances notables no achegamento dos puntos de vista" sobre unha tregua na Franxa de Gaza, pero non achegou máis detalles.

Fontes de seguridade exipcias próximas ás reunións confirmaron a EFE que as conversas foron "frutíferas" e que se lograron superar "moitos obstáculos que impedían alcanzar un acordo de tregua". Malia e todo, O Cairo advertiu que Israel está a preparar a invasión de Rafah.

Seis semanas

Segundo as fontes, a parte israelí estaría disposta a deter as operacións militares durante unhas seis semanas e a permitir o regreso das persoas desprazadas ao norte de Gaza. Do mesmo xeito, deu o visto e prace inicial para un intercambio de reféns por presos palestinos.

De acordo co diario israelí Walla, o Goberno de Israel expresoulle á delegación exipcia a súa disposición a un último intento de negociación con Hamas para alcanzar unha tregua "temporal" antes de lanzar unha invasión terrestre en Rafah.

Segundo o rotativo, Israel está interesado na liberación de 33 secuestrados por razóns humanitarias e agregou que o cesamento do fogo dependerá do número de persoas liberadas.

Así mesmo, Israel dixo á delegación exipcia que os preparativos para a operación en Rafah van en serio e que non permitirá a Hamas que demore a súa resposta.

Hamas mantén secuestradas desde o ataque do 7 de outubro 133 persoas, das que se pensa que preto da metade poderían estar mortas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade