Publicador de contidos
Publicador de contidos

Hamas e Netanyahu amosan as súas reticencias coa proposta de Biden

Hamas e Netanyahu amosan as súas reticencias coa proposta de Biden

O principal asesor de exteriores de Netanyahu considéraa defectuosa, pero asegura que Israel a acepta para que liberen os reféns

Un alto funcionario do grupo islamita critica na cadea Al Yazira que estea baseada en ideas e nun "marco xeral" carente de detalles

Escola da UNRWA no campo de refuxiados de Jabalia. REUTERS/Mahmoud Issa Escola da UNRWA no campo de refuxiados de Jabalia. REUTERS/Mahmoud Issa
G24.gal 02/06/2024 17:17 Última actualización 02/06/2024 18:49

Apenas 48 horas despois de que o presidente dos EUA, Joe Biden, fixera pública unha última proposta de tregua consensuada con Israel para deter a guerra en Gaza, tanto Netanyahu como a cúpula de Hamas amósanse reticentes ante un acordo ambiguo que non protexe as súas demandas.

"A parte israelí necesita anunciar explícita e claramente o seu compromiso de alcanzar un acordo que leve a un cesamento do fogo integral, unha retirada completa de Gaza, (e) a entrada sen restricións de axuda para albergar e axudar as persoas desprazadas", díxolle Osama Hamdan, alto funcionario de Hamas, á canle qatarí Al Yazira.

Considera que a formulación de Biden, que alude á fin total da guerra tras unha primeira fase de tres semanas e a liberación de reféns, está baseada en ideas e nun "marco xeral" carente de detalles.

Segundo anunciou Biden, na primeira fase de seis semanas habería un cesamento do fogo completo, retiraríanse as tropas israelís das áreas poboadas da Franxa e serían liberados varios reféns, a cambio da excarceración de centenares de prisioneiros palestinos.

Pero nesas seis semanas, Israel e Hamas deberán negociar a segunda fase que incluiría "o final permanente das hostilidades", a liberación do resto de reféns, incluídos soldados, e a retirada do Exército israelí da Franxa que, segundo o mandatario estadounidense, requirirá dun diálogo intenso.

"Non hai iniciativa. O presidente Biden falou de ideas e as ideas xerais non significan que se poida chegar a un acordo. Son un marco xeral que contén moitos detalles que xa se discutiron durante os últimos catro meses", engadiu.

Ademais, o líder de Hamas lembrou que eles xa aceptaron unha proposta de tregua o pasado 6 de maio presentada polos mediadores, que segundo os EUA é case idéntica á actual, e que foi Israel quen a rexeitou ao considerar as súas demandas "inaceptables" e deu inicio á invasión de Rafah.

A este respecto, Exipto, Qatar e os Estados Unidos instaron este sábado a Israel e Hamas a finalizar o acordo sobre a mesa "cos principios sinalados polo presidente estadounidense, Joe Biden", indicou o comunicado conxunto compartido polo Ministerio de Exteriores qatarí na súa conta de X.

Acordo de tregua defectuoso

Este domingo Ophir Falk, principal asesor de política exterior de Netanyahu, confirmou nunha entrevista co Sunday Times que a proposta de Biden é defectuosa e "hai moitos detalles por resolver".

Porén, dixo que Israel acepta o acordo proposto por Biden porque quere "desesperadamente que os reféns sexan liberados, todos eles".

Pola súa banda, nun comunicado da súa Oficina na rede social X, Netanyahu dixo a última hora do sábado que as condicións de Israel para poñer fin á guerra non cambiarían: a destrución previa das capacidades militares e de Goberno de Hamas, a liberación dos reféns e lograr que Gaza xa non represente unha "ameaza" para Israel.

"Israel seguirá insistindo en que se cumpran estas condicións antes de que se estableza un cesamento do fogo permanente. A idea de que Israel acepte un cesamento do fogo permanente antes de que se cumpran estas condicións é imposible", conclúe a mensaxe en X.

Apoio a Netanyahu para que acepte o acordo

Tanto o presidente israelí, Isaac Herzog, como o xefe da oposición, o centrista Yair Lapid, mostraron este domingo o seu apoio ao Goberno para que acepte este acordo.

"A entrevista co asesor político do primeiro ministro demostra tamén que Israel xa anunciou que acepta o acordo. Se se retracta agora, sería unha sentenza de morte para os secuestrados e unha crise de confianza cos estadounidenses e os países mediadores", advertiu Lapid hoxe na súa conta de X.

Herzog, pola súa banda, lembrou nunha conferencia na Universidade Hebrea de Xerusalén que "segundo a tradición xudía, non hai maior mandamento que redimir a cativos e reféns, especialmente cando se trata de cidadáns israelís a quen o Estado de Israel non puido defender".

Os dous ministros de partidos de ultradereita do Goberno de coalición israelí, Bezalel Smotrich e Itamar Ben Gvir, ameazaron na noite do domingo con tombar o Executivo se se chegaba a unha tregua con Hamas, porque non será "destruído".

Vítimas mortais en Gaza

Mentres continúan as negociacións, polo menos 60 palestinos morreron na Franxa nas últimas 24 horas, superándose a cifra dos 36.400 -a maioría deles mulleres e nenos-, tras outra noite de fortes bombardeos e ataques de artillería israelís en case 8 meses de conflito.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade