Publicador de contidos
Publicador de contidos

Hamas envía unha delegación a Exipto para participar nas negociacións sobre Gaza

Hamas envía unha delegación a Exipto para participar nas negociacións sobre Gaza

Os Estados Unidos aseguran que as conversas no Cairo sobre un cesamento do fogo en Gaza foron "construtivas"

Os últimos ataques israelís en Gaza deixan polo menos 37 palestinos mortos

Varios cadáveres de palestinos ante as portas dun hospital en Gaza este sábado Varios cadáveres de palestinos ante as portas dun hospital en Gaza este sábado
G24.gal 24/08/2024 13:00 Última actualización 24/08/2024 16:52

Hamas anunciou que unha delegación palestina chegará ao Cairo este sábado pola noite para reunírense cos mediadores das negociacións de paz,Qatar, Exipto e os Estados Unidos.

As conversas trasladáronse á capital exipcia, ata onde viaxou o venres unha delegación israelí para tratar de chegar un acordo sobre a retirada ou non dos israelís do corredor de Filadelfia, que conecta Gaza con Exipto. Os Estados Unidos aseguran que as negociacións están a ser construtivas.

O grupo islamita segue adherido ao borrador que aceptou o pasado 2 de xullo, a partir dunha proposta dos EUA anunciada en maio polo presidente Joe Biden, que incluía a fin das hostilidades e a retirada das tropas israelís do enclave nunha segunda fase.

"Hamas confirma o seu compromiso co acordado o 2 de xullo, sobre a base da Declaración de Biden e a resolución do Consello de Seguridade", agregou o grupo, que expresou o seu compromiso para implementar o xa acordado e pediu meterlle presión a Israel para que "deixe de obstruír o logro dun acordo":

En declaracións á canle Ao Quds News, vinculado ao grupo islamita, o dirixente de Hamas Mahmud al Mardawi subliñou que non se trata dunha nova rolda de negociacións, senón que simplemente van escoitar os mediadores, xa que non lle ven sentido a "reabrir conversacións sobre asuntos xa acordados".

Hamas acusou o primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, de impoñer logo novas condicións, como manter a presenza das tropas israelís nos corredores Filadelfia, na fronteira entre Gaza e Exipto, e Netzarim, unha ruta militar que parte o enclave en dúas metades polo centro, ademais de non querer asinar un compromiso firme para o cesamento do fogo definitivo e reservarse a opción de retomar a guerra.

Mentres, nas últimas horas polo menos 37 palestinos morreron por ataques israelís en toda a franxa de Gaza, desde o amencer, con especial incidencia na área de Khan Junis, no sur do enclave. Os hospitais recibiron 23 cadáveres confirman fontes médicas palestinas.

As forzas de Defensa de Israel aseguraron este venres que "mataron ducias de homes armados" en distintas operacións nas que alcanzaron una trintena de obxectivos, entre eles "instalacións de Hamas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade