Publicador de contidos
Publicador de contidos

Harris promete que volverá a luz despois da escuridade e recoñece a vitoria de Trump

Harris promete que volverá a luz despois da escuridade e recoñece a vitoria de Trump

A demócrata chamou ao gañador para "asegurar unha transición pacífica, en contraste co sucedido en 2020", cando o expresidente non recoñeceu os resultados, e pediulle que sexa "presidente para todos os estadounidenses"

Biden empraza a Trump, que garda silencio, a unha xuntanza na Casa Branca

Reuters
G24.gal 07/11/2024 08:24 Última actualización 07/11/2024 09:46

A vicepresidenta estadounidense Kamala Harris deu este mércores o discurso que o pasado día 5 á noite, cando os resultados xa prognosticaban unha soada derrota, non saíu a dar. A demócrata recoñeceu a vitoria do expresidente Donald Trump visiblemente conmocionada e prometendo que volverá a luz tras a escuridade.

"Sei que moita xente cre que imos entrar nunha era escura", dixo Harris nun discurso na Universidade de Howard de Washington, o primeiro desde que foi declarada perdedora das eleccións, que estaba previsto para a noite electoral. Nel apuntou: "Só cando está suficientemente escuro se poden ver as estrelas".

E, aínda que o resultado non é o que querían, alegou: "A luz dos EUA, prometido, volverá mentres sigamos traballando e sigamos loitando".

Senda de transición

Unhas horas antes, a demócrata chamou a Trump para expresar a súa disposición para "asegurar unha transición pacífica, en contraste co sucedido en 2020", cando o expresidente non recoñeceu os resultados, e expresoulle o desexo de que sexa "presidente para todos os estadounidenses".

O actual mandatario Joe Biden, quen se dirixirá este venres á nación, tamén telefonou ao republicano para mostrar o seu compromiso cunha transición pacífica e salientou a importancia de traballaren de forma conxunta para unir o país, para o que o emprazou a unha reunión na Casa Branca.

Polo momento e despois de saír eufórico ao escenario de West Palm Beach (Miami) o martes á noite, Trump leva toda a xornada en silencio, máis aló dunha mensaxe enviada aos seus seguidores en que volveu salientar o que xa dixo onte ao declarar a súa prematura vitoria: "Loitarei por vostedes, pola nosa familia, polo noso futuro. Cada día vou loitar con cada alento do meu corpo".

Vitoria republicana incontestable

E aínda que o anuncio o fixo antes de saber con certeza os resultados, a vitoria do republicano foi incontestable: á espera de saber os datos nos estados de Arizona e Nevada, Trump conseguiu 295 compromisarios e Harris 226 dos 270 necesarios no Colexio Electoral para ser declarado presidente.

A carreira prometía ser axustada, pero o expresidente, que será o primeiro xefe de Estado condenado en asumir a Presidencia dos EUA, conseguiu arrebatar aos demócratas os tres Estados do chamado muro azul (Wisconsin, Michigan e Pensilvania) e se a tendencia continúa todo apunta a que vai lograr con boas marxes os sete Estados chave que estaban chamados a decidir os comicios.

Ademais, todo apunta a que por primeira vez para Trump tamén vai gañar o voto popular, que lle dá o 51 % ao republicano e 47,6 % á demócrata, con 4,7 millóns de votos menos (segundo o reconto da axencia Associated Press), e iso sorprendeu algúns expertos.

"Estou un pouco sorprendido de que a Trump lle fose tan ben dada a negatividade da súa campaña. Normalmente, o candidato que poida proxectar unha visión positiva de futuro ten máis probabilidades de gañar, pero a visión de Trump era escura, máis negativa e máis divisoria que en 2016. O feito de que levase o voto popular baixo esa premisa di algo sobre os estadounidenses", subliñou o experto constitucionalista da Universidade de Cedarville Mark Smith.

Os republicanos tamén lograron nas eleccións de onte quedar co control do Senado tras catro anos na oposición ao arrebatar aos demócratas polo menos tres asentos e, aínda que non hai resultados definitivos, tamén parece que o Partido Republicano pode revalidar a súa maioría da Cámara de Representantes.

O reconto máis conservador, o de AP, dá 205 escanos aos republicanos e 189 aos demócratas; outros medios, como a cadea CNN, teñen os republicanos arriba 208 a 190.

En todo caso, os republicanos estarían a apenas unha decena de escanos de asegurar os 218 asentos que dan a maioría na Cámara de Representantes. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade