Herminia deixou numerosos estragos en Padrón polo desbordamento do río Sar
Herminia deixou numerosos estragos en Padrón polo desbordamento do río Sar
Nalgunhas vivendas a auga alcanzou uns 50 centímetros de altura e causou cuantiosos estragos
A borrasca Herminia deixou un regueiro de inundacións en Padrón, en vivendas situadas nas beiras do río Sar e do rego da Pastoriza.
Entre os afectados, a casa de turismo rural Os Lambráns, situada na aldea de Lamas. As empregadas traballan arreo este martes para volver colocar as barreiras de contención. O río rebordou e a forza da auga arrastrounas. No interior alcanzou uns 50 centímetros e causou cuantiosos estragos.
Na aldea de Cambelas tampouco lle quitan ollo ao rego da Pastoriza. Así estaban o domingo á tarde. Coa auga por enriba dos xeonllos. Begoña Guerra é unha das afectadas. Tiña dúas bombas achicando auga e aínda así volveu inundárselle a adega e a cociña.
Nun e noutro lado aínda non se repuxeran dos danos causados por outro temporal en outubro. Os asolagamentos repítense desde hai anos e reclaman solucións definitivas: canalizar e limpar o río.
Pero o tempo non dá tregua e, ante a previsión dunha nova borrasca para este mércores, cada veciño toma as súas precaucións para intentar evitar que a auga lles entre de novo.