Hezbollah anuncia tres ataques con "mísiles cualitativos" contra o norte e o centro de Israel
Hezbollah anuncia tres ataques con "mísiles cualitativos" contra o norte e o centro de Israel
O grupo xiíta reiterou que os seus ataques van "en apoio ao pobo e a resistencia de Palestina", "en defensa do Líbano" e en resposta aos "masacres que comete o inimigo israelí"
O exército israelí dixo, pola súa banda, este martes que as sirenas antiaéreas soaron en distintos puntos do centro e do norte de Israel, incluído Tel Aviv, polo lanzamento de proxectís de Hezbollah, na súa maioría interceptados polas defensas antiaéreas
O grupo libanés xiíta Hezbollah anunciou este martes tres ataques con "mísiles cualitativos" contra o norte e o centro de Israel, incluídas as aforas de Tel Aviv. A formación libanesa afirmou en senllos comunicados na súa conta en Telegram que os seus ataques, con "baterías de mísiles cualitativos", tiveron como brancos unha sede da intelixencia e unha base militar nos arredores de Tel Aviv e mais unha base naval situada ao noroeste de Haifa (norte).
O grupo xiíta reiterou que os seus ataques van "en apoio ao pobo e a resistencia de Palestina", "en defensa do Líbano" e en resposta aos "masacres que comete o inimigo israelí", sen precisar máis detalles.
O exército israelí dixo, pola súa banda, este martes que as sirenas antiaéreas soaron en distintos puntos do centro e do norte de Israel, incluído Tel Aviv, polo lanzamento de proxectís de Hezbollah, na súa maioría interceptados polas defensas antiaéreas. Por mor destes ataques, declarouse o estado de emerxencia en Tel Aviv e todo o tráfico aéreo do aeroporto Ben Gurion foi detido, segundo recollen varios medios israelís.
A aviación israelí continúa mentres tanto os seus bombardeos de varias áreas do sur do Líbano despois de que durante a noite atacase varios puntos nos suburbios do sur de Beirut e causase catro mortos, entre eles un neno, nas inmediacións do hospital gobernamental Rafic Hariri, segundo o Ministerio de Saúde Pública libanés.
Segundo o último reconto dese departamento, polo menos 2.483 persoas morreron e máis de 11.600 foron feridas en ataques de Israel desde o 8 de outubro de 2023, cando estalaron os enfrontamentos entre o Exército israelí e o grupo xiíta libanés Hezbollah.
A maior parte desas vítimas rexistráronse tras o inicio por parte de Israel o pasado 23 de setembro dunha campaña de intensos bombardeos aéreos contra o sur e o leste do Líbano e mais o sur de Beirut, unha ofensiva que provocou o desprazamento de máis de 1,2 millóns de persoas.