Netanyahu eleva o ton contra Hizbulá tras golpear cidades israelís lonxe da fronteira
Netanyahu eleva o ton contra Hizbulá tras golpear cidades israelís lonxe da fronteira
Benhamín Netanyahu: "Se Hizbulá non entendeu a mensaxe, prométovos que a vai entender"
O grupo xiíta atacou dende a madrugada o norte de Israel cuns "150 foguetes, mísiles de cruceiro e drons"
Horas antes, o Exército hebreo bombardeara uns 290 "obxectivos" de Hizbulá no sur do Líbano
O primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, enviou este domingo unha mensaxe ameazadora ao grupo xiíta libanés Hizbulá, aliado de Irán, no que lle advirte que se aínda non "entendeu a mensaxe" tras a escalada de ataques dos últimos días, vaino entender axiña.
"Nos últimos días, infliximos a Hizbulá unha secuencia de golpes que non imaxinaba (...). Se Hizbolá non entendeu a mensaxe, prométovos que a vai entender", dixo en hebreo nunha breve mensaxe en vídeo.
Israel intensificou os seus ataques contra o grupo libanés esta semana, e o venres matou polo menos 17 combatentes, incluídos dous comandantes, nun bombardeo en Beirut no que tamén perderon a vida tres menores e sete mulleres, segundo as autoridades libanesas.
"Estamos decididos a devolver os nosos residentes do norte sans e salvos aos seus fogares (...). Faremos todo o necesario para restablecer a seguridade", dixo en referencia aos 60.000 israelís que seguen evacuados das comunidades fronteirizas desde hai máis de once meses.
Fogo cruzado
Desde a unha da mañá deste domingo, Hizbulá atacou o norte de Israel cuns "150 foguetes, mísiles de cruceiro e drons", segundo un comunicado castrense, causando danos nalgunhas vivendas e lumes no distrito de Haifa, a 60 quilómetros da fronteira, sen causar vítimas.
Horas antes, o exército hebreo bombardeara uns 290 "obxectivos" de Hizbulá no sur do Líbano, incluídos miles de barrís lanzadores de foguetes e infraestrutura militar, no que constitúe unha escalada do fogo cruzado entre ambos desde o inicio da guerra en Gaza.
A situación fai temer o estalido dunha guerra aberta na rexión, a pesar de que Hizbulá avisou de que non quere entrar nun conflito a grande escala e que os seus ataques cesarían de lograrse un acordo de cesamento do fogo en Gaza.