Publicador de contidos
Publicador de contidos

Homenaxe en Barcelona ás vítimas dos atentados xihadistas de hai sete anos

Homenaxe en Barcelona ás vítimas dos atentados xihadistas de hai sete anos

Unha ofrenda floral de familiares e autoridades lembrou os dezaseis mortos e 300 feridos nos ataques da cidade condal e Cambrils

G24.gal 17/08/2024 20:32 Última actualización 19/08/2024 11:59

17 de agosto de 2017. Barcelona e Cambrils viven a conmoción duns atentados xihadistas que tiveron como escenario principal as Ramblas da cidade condal. Unha furgoneta arrasou con decenas de persoas que estaban paseando polo lugar e acabou coa vida de 14 persoas. Na fuxida o terrorista matou a coiteladas outro mozo. Posteriormente, cinco terroristas atropelaban varias persoas en Cambrils, deixando un morto máis. 

Sete anos despois, unha ofrenda floral lembraba os mortos e os máis de 300 feridos no lugar onde se detivo a furgoneta, na praza de L'Os da Rambla. O protagonismo inicial foi para os familiares, que piden máis investigación sobre o caso.

"A sala de apelacións da Audiencia Nacional e despois o Tribunal Supremo, todos pecharon a porta a seguir investigando. Vimos de reclamar ao Tribunal Constitucional o dereito a saber a verdade", explica Xavier Martínez Mompart, voceiro dun sector maioritario dos familiares das vítimas.

As autoridades, entre as que figuraban o alcalde de Barcelona e varios integrantes do Govern, ocuparon un segundo plano e realizaron a ofrenda floral despois dos familiares. Mentres, as asociacións de vítimas reclaman unha memoria activa.

"Isto non se pode esquecer. Isto hai que lembralo sempre, porque como di aquel refrán tan español: o que non recorda os seus actos está condenado a repetilos", sinalaba o presidente da Asociación Catalá de Vítimas de Organizacións Terroristas.

Varias decenas de persoas amosaron críticas ao papel do Estado nestes sucesos. Despois do acto, familiares das vítimas anunciaban que puxeron en marcha unha web destinada a recadar fondos para interpor un recurso ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade