Ilusión en Castro de Ribeiras de Lea ante o posible ascenso do equipo de fútbol sala
Ilusión en Castro de Ribeiras de Lea ante o posible ascenso do equipo de fútbol sala
O FSF Castro pode subir este sábado á primeira división nun partido na casa
Trátase dun club modesto que ten a oportunidade de facer historia
Con ilusión e con nervios. Así é como afrontan en Castro de Ribeiras de Lea a posibilidade de que o seu equipo feminino de fútbol sala ascenda á primeira división.
Para logralo, deberán gañar o partido de play-off que este sábado han xogar no pavillón municipal ante o Atlético Torcal de Ronda.
Daniele Fleitas, xogadora do FSF Castro: "Perdemos apenas un partido en toda a tempada, o que nos coloca nun nivel moi alto de fútbol-sala".
Camila Gadeia, xogadora do FSF Castro: "Sabemos que sera un partido complicado, pero mellor que sexa na casa porque xogamos moito mellor coa xente de Castro".
Luisa Mayara, xogadora do FSF Castro: "Espero contar co apoio de todos o sábado e facer unha linda festa".
Carmen Tojo, presidenta do FSF Castro: "Só perderon un partido e empataron dous en toda a tempada. Na casa non perdemos ningún. Somos máis fortes grazas á afección".
Creado hai tan só nove anos, o club FSF Castro tivo unha carreira meteórica, chegando a líderes da segunda división nesta tempada. Non en van, as súas xogadoras son coñecidas como as Guerreiras.
A metade delas compaxinan o traballo no equipo cos seus estudos ou con outras profesións, o que lles dá aínda máis valor aos seus logros.
Raquel Rodríguez, xogadora do FSF Castro: "Eu son de Ferrol, onde compaxinaba o xogo cos estudos, pero este ano decidín só xogar".
Camila Gadeia, xogadora do FSF Castro: "Podo conciliar moi ben cos adestramentos. Adestramos pola noite, o que permite estudar e xogar".
Co apoio de toda a vila de Castro, as Guerreiras contan con ascender xa na cita desta fin de semana. Pero, de non ser así, aínda han ter outra oportunidade máis.