Inditex alcanza outra vez os 90.000 millóns en bolsa e gaña máis do 17 % en 2023
Inditex alcanza outra vez os 90.000 millóns en bolsa e gaña máis do 17 % en 2023
A téxtil galega rebota un 40 % desde os mínimos de outubro
Os analistas estiman que, a un ano vista, a cotización podería chegar ata os 33,6 euros, un 15 % por riba da actual
Inditex supera os 90.000 millóns de euros de capitalización, despois de escalar case un 40 % desde os mínimos de outubro. É a primeira vez que pasa este nivel desde decembro do ano 2021.
A brecha aberta coa sueca H&M é de preto de 72.000 millóns de euros, a maior dos últimos catorce meses en mercado. As compras dos investidores concéntranse no arranque deste exercicio no sector retail, que anota unha revalorización superior ao 20 %, a maior do Stoxx 600. No que vai de ano, Inditex sobe máis do 17 %, próximo ao 19 % da cadea sueca.
2022 non foi un bo ano para a Inditex no que a bolsa se refire, nada extraordinario nun exercicio convulso, no que o Ibex-35 deixou no camiño un 5,5 %. O descenso da cotización multinacional galega foi máis acusado: do 12,8 % nun contexto de debilidade económica e inflación galopante, nun ano marcado a fogo pola guerra de Ucraína.
As circunstancias obrigaron a téxtil galega a desprenderse das 500 tendas en Rusia, país que representaba o 5 % das vendas totais.
Era un castigo que algúns analistas consideraban inxustificado. Sobre todo polos bos resultados da compañía no exercicio con récord de vendas: 23.055 millóns; e de beneficios: 1.301 millóns nos nove primeiros meses.
O valor está a resarcirse sobradamente nestas primeiras semanas de ano. Tanto é así que os seus títulos se revalorizaron xa un 17,26 % no que vai de 2023 e bateron o Ibex, que nese mesmo período acumula unha rendibilidade do 12,11 %.
A firma téxtil acaba de anunciar esta mesma semana o que o mercado prevía xa en decembro e é a implementación do pago polas devolucións en liña en España, unha medida que está en marcha en practicamente todas as xeografías. Cobrará 1,95 euros por aqueles pedidos que sexan devoltos desde a casa. Nestes momentos, preto do 60 % das compras que se realizan nas tendas de Inditex devólvense no establecemento físico.
A cadea aduce motivos ambientais para levar a cabo esta medida da cobranza por devolución, aínda que o certo é que tamén axudará a paliar os custos loxísticos e de transporte. O obxectivo é que as vendas en liña representen un 30 % do total en 2024.
O 15 de marzo Inditex presentará os seus resultados anuais correspondentes ao exercicio fiscal 2021-2022, nos que presumiblemente gañará máis de 4.100 millóns de euros, segundo o consenso. Isto representaría un aumento do 26 % sobre os resultados dun ano antes. Sobre os ingresos, as previsións apuntan aos 32.300 millóns de euros, uns 16,5 % superiores ao período 2021-2022.
Cara aos 33,6 euros na cotización
E os prezos obxectivo (coa vista posta dentro dun ano) que manexan os analistas oscilan entre os 25 euros de Citi e os 33,6 de CaixaBank BPI; moi preto dos 33,5 nos que o sitúan os expertos de Goldman Sachs.
Esas recomendacións de compra susténtanse na idea xeneralizada de que Inditex está mellor preparada que os seus competidores para navegar nunha contorna macroeconómica complicada coma a actual. E iso pola súa maior facilidade para adecuar con rapidez as súas subministracións ao pulso da demanda; e os deseños, aos gustos dos consumidores.